Máis de 80 nenas participaron na iniciativa Oracle4Girls no CITIC
27/05/2019
- O proxecto ten o obxectivo de fomentar o interese das pequenas polas disciplinas STEM.
- Ademais de talleres para nenas e adolescentes, tamén houbo charlas para pais e nais.
A Coruña, 27 de maio de 2019.- O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu o pasado sábado a iniciativa Oracle4Girls, na que participaron máis de 80 nenas e arredor dunha trintena de pais e nais. O obxectivo deste proxecto posto en marcha por Oracle é achegar ás pequenas as disciplinas STEM (Science, Technology, Engineering and Mathematics).
O evento, que tivo lugar nas instalacións do CITIC, estivo composto por sete obradoiros de circuítos con plastilina condutiva, de iniciación á programación, de controladores de tráfico e de coches teledirixidos, entre outros. A metodoloxía utilizada nestes talleres de formación está baseada na realización de pequenos proxectos, que permiten ás nenas e adolescentes gañar autoconfianza.
En canto ás charlas para pais e nais, a primeira delas «O futuro da tecnoloxía”, foi impartida pola investigadora do CITIC e coordinadora do Grao en Enxeñaría Informática da UDC, Laura Castro. Centrouse na importancia da tecnoloxía no presente e no futuro, salientando a importancia da educación para promover a vocación científica. A segunda charla, «Navega con Rumbo”, foi ofrecida pola analista forense e membro do CPEIG, Pilar Vila, que achegou recomendacións para un uso seguro de Internet.
O programa Oracle4Girls xa se levou a cabo noutras cidades como Madrid, Barcelona, Bilbao, Valencia, Sevilla, Málaga e Xixón, acadando unha participación de máis de 800 nenas en total.
Sobre o CITIC
O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade de A Coruña, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibe o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.