O CITIC da UDC será a sede do Congreso Español de Informática en 2024
07/05/2020
- A Sociedade Científica Informática de España (SCIE) seleccionou ao CITIC entre todas as candidatura presentadas.
- O congreso contará coa colaboración de Turismo da Coruña e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG).
A Coruña, 7 de maio de 2020.- O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña é a sede elixida pola Sociedade Científica Informática de España (SCIE) para a celebración do Congreso Español de Informática (CEDI) en 2024. A SCIE realizou unha chamada á presentación de candidaturas para a busca de sedes do CEDI 2024, valorando aspectos como a dispoñibilidade de infraestruturas na cidade e a experiencia do equipo na organización de congresos científicos.
Así, a organización do congreso articularase a través do CITIC, comandada polos investigadores de destacada traxectoria Amparo Alonso Betanzos, Bertha Guijarro Berdiñas, Ramón Doallo Biempica, Juan Touriño Domínguez, Nieves Rodríguez Brisaboa e Miguel Rodríguez Luaces, e reforzada polo apoio do director do CITIC, Manuel F. González Penedo, e a directora do Campus Innova da UDC, Susana Ladra, que exercerán tamén como enlace con ambas entidades. O congreso contará coa colaboración de Turismo da Coruña e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG).
A de 2024 será a VII edición do CEDI, que se celebra cada edición nunha cidade española diferente, e que pretende servir como punto de encontro para profesionais da investigación, innovación e ensino universitario do ámbito da enxeñaría informática, e fomentar as relacións e intercambios entre os distintos países iberoamericanos no campo da informática.
Sobre o CITIC
O CITIC é un Centro de Investigación de Galicia que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, no ano 2016 a Xunta de Galicia recoñece ao CITIC como Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019 pola súa traxectoria científica. En 2019 renova esta acreditación e pasa a denominarse Centro de Investigación de Galicia. A actividade científica do CITIC estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes; e unha área de investigación transversal a todas elas, a de Ciberseguridade. Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que no centro promóvense accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.