CITIC

O CITIC promove un convenio de colaboración entre a UDC e ASPACE Coruña

29/06/2020

  • O obxectivo do convenio é potenciar os resultados de investigación e transferencia para mellorar a calidade de vida e a participación das persoas con discapacidade a través de recursos tecnolóxicos.
  • O acordo foi asinado esta mañá polo reitor da UDC, Julio Abalde, e a directora xerente de ASPACE Coruña, Sonia Ruiz Vargas.

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC promove un convenio de colaboración entre a Universidade da Coruña e ASPACE Coruña, asociación pioneira en Galicia en atención integral a persoas con parálise cerebral, para potenciar os resultados de investigación e transferencia entre o CITIC e ASPACE Coruña e mellorar desta forma a calidade de vida e a participación das persoas con discapacidade a través de recursos tecnolóxicos.

O acordo foi asinado esta mañá polo reitor da UDC, Julio Abalde, e a directora xerente de ASPACE Coruña, Sonia Ruiz Vargas. Tamén estiveron presentes no acto, por parte do CITIC, o director, Manuel F. González Penedo, e o subdirector, Javier Pereira Loureiro, e por parte de ASPACE Coruña, a subdirectora, Mª Carmen Barreiro Santos, e a responsable de comunicación, Patricia Pérez Villar.

Esta alianza, que ten o fin de promover relacións de beneficio mutuo en materia de colaboración académica,  consolida a cooperación existente entre o CITIC e ASPACE Coruña, iniciada en novembro de 2019 a través dun grupo de traballo dedicado á creación de contidos informáticos dirixidos a potenciar os programas de rehabilitación física e cognitiva de persoas con parálise cerebral. Así, as entidades pretenden mellorar as actividades ás que ambas se dedican por separado e optimizar os recursos, establecendo unha colaboración nos ámbitos da sociedade e a tecnoloxía que satisfagan as necesidades e expectativas do colectivo atendendo á diversidade.

O CITIC ten como principais obxectivos potenciar o uso das tecnoloxías da información e as comunicacións por todos os colectivos da sociedade atendendo á súa diversidade, promover e favorecer o traballo conxunto entre organismos de persoas con discapacidade, institucións comunitarias e universidades, así como fomentar o desenvolvemento e uso das TIC orientadas a colectivos de persoas discapacidade e familias, satisfacendo as súas necesidades e expectativas.