CITIC

O CITIC recibe financiación da Fundación BBVA para un proxecto de investigación destinado á obtención de modelos de aprendizaxe automático sostibles

27/03/2020

  • A Fundación BBVA concedeu cinco axudas a proxectos na área de Big Data entre as 93 solicitudes recibidas a nivel estatal.
  • O importe da axuda supera os 97.000 €.

A Coruña, 27 de marzo de 2020.- O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña recibirá financiación por parte da Fundación BBVA para un proxecto de investigación na área de Big Data. O proxecto «Machine Learning on the Edge (MLoE)” ten o obxectivo de desenvolver novos sistemas de Intelixencia Artificial para obter modelos de aprendizaxe automático distribuídos sobre dispositivos de baixo rendemento computacional sen necesidade de intercambio de datos, mantendo polo tanto a privacidade dos mesmos. Ademais, permitirá desenvolver algoritmos máis sostibles en canto a consumo enerxético e impacto nas emisións de carbono. A iniciativa do CITIC foi unha das cinco escollidas pola Fundación BBVA entre as 93 solicitudes recibidas a nivel estatal. Con esta axuda, o CITIC consigue a captación de fondos por un total de 97.092,44 €.

O investigador principal do proxecto é Óscar Fontenla, e forman parte do equipo as investigadoras Amparo Alonso Betanzos, Bertha Guijarro Berdiñas, Elena Hernández Pereira, Noelia Sánchez Maroño, Beatriz Pérez Sánchez, Verónica Bolón Canedo e Laura Morán Fernández, integrantes das áreas de Intelixencia Artificial e Ciencia e Enxeñaría de Datos do CITIC.

Modelos de aprendizaxe automático máis sostibles

Os modelos de aprendizaxe automático son capaces de resolver tarefas complexas entrenándose sobre grandes cantidades de datos, e son útiles en canto a resolución dunha ampla variedade de problemas. Pero, para poder «aprender”, estes modelos precisan largos procesos de cálculo que consumen moitos recursos computacionais aloxados en grandes centros de cómputo, que supoñen un gran consumo enerxético a nivel mundial. En 2016 supuxeron arredor do 3 % do consumo eléctrico do planeta.

Desta forma, o proxecto «Machine Learning on the Edge (MLoE)” desenvolverá novos modelos que poidan ser distribuídos sobre pequenos dispositivos de cómputo perimetral cun baixo consumo eléctrico, como, por exemplo, as placas Raspberry PI. Estes métodos terán aplicación directa en multitude de aplicacións, entre elas, o mantemento preditivo de maquinaria industrial, a medicina preventiva e o procesamento de datos en Smart Cities.

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación de Galicia que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, no ano 2016 a Xunta de Galicia recoñece ao CITIC como Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019 pola súa traxectoria científica. En 2019 renova esta acreditación e pasa a denominarse Centro de Investigación de Galicia. A actividade científica do CITIC estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes; e unha área de investigación transversal a todas elas, a de Ciberseguridade. Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que no centro promóvense accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.