CITIC

O Congreso XoveTIC do CITIC congrega a máis de 60 novos investigadores

27/09/2018

  • O vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo, foron os encargados da inauguración do acto.
  • O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, clausurará o evento na xornada de mañá.

A Coruña, 27 de setembro de 2018.- O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolle hoxe e mañá o I Congreso XoveTIC, no que se dan cita máis de 60 novos investigadores presentando as súas investigacións no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. A sesión de apertura foi a cargo do vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo, mentres que o reitor da UDC, Julio Abalde, será quen clausure o acto no día de mañá.

O obxectivo do XoveTIC, ademais de contribuír na formación dos novos investigadores e fomentar a divulgación científica, é potenciar a cooperación e a colaboración  entre Universidades galegas e os seus grupos e investigación, xa que, en palabras do director do CITIC, «os grandes logros conséguense en colaboración”. Pola súa banda, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia comprometeuse cos investigadores con que terán todo o apoio por parte do reitorado no seu traballo, asegurando que «o futuro é voso”.

Na primeira xornada, ademais das comunicacións orais dos investigadores, tivo lugar unha conferencia plenaria por parte do presidente da Sociedade Científica Informática de España (SCIE) e catedrático da Universidade de Oviedo, Antonio Baamonde, sobre o papel estratéxico da investigación en informática en España. Tamén se impartirán dous talleres formativos de ciberseguridade e tecnoloxías 5G. Mañá venres, a investigadora do Computer Vision Center e profesora da Universidade de Barcelona, Petia Radeva, ofrecerá unha conferencia sobre visión artificial e aprendizaxe máquina.

Colaboran na organización do congreso o CiTIUS da USC, atlanTTic da UVigo e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Pola súa banda o Clúster TIC Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia e o Instituto Tecnolóxico de Galicia patrocinarán os premios que se outorgarán ás catro mellores comunicacións. 

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade de A Coruña, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibe o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.