CITIC

O investigador do CITIC Ricardo Cao é designado novo editor xefe dunha prestixiosa revista científica norteamericana

05/07/2018

  • Ricardo Cao acaba de ser nomeado editor xefe da revista académica Journal of Nonparametric Statistics para o trienio 2019-2021.
  • Pola súa banda, a investigadora Verónica Bolón recibiu unha Beca Leonardo da Fundación BBVA. Tan só se conceden cinco becas a nivel nacional no ámbito das TIC.

A Coruña, 5 de xullo de 2018.- O investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, acaba de ser designado editor xefe da revista científica Journal of Nonparametric Statistics para o trienio 2019-2021. Así o comunicou o Consello de Administración da American Statistical Association, que decidiu o nomeamento de Cao por unanimidade.

A revista Journal of Nonparametric Statistics é unha publicación académica con recoñecido prestixio a nivel internacional, que se encarga da introdución e presentación de traballos de investigación en estatística non paramétrica e áreas relacionadas.

A investigadora Verónica Bolón recibe unha Beca Leonardo

A investigadora do CITIC Verónica Bolón foi galardoada cunha Beca Leonardo, concedida pola Fundación BBVA. Bolón recibiu unha das cinco distincións que se entregan a nivel nacional no ámbito das TIC, co seu traballo Cando o tamaño importa: selección de características para wearables.

As Becas Leonardo teñen o obxectivo de apoiar proxectos de investigadores caracterizados por unha produción altamente innovadora. En total, concedéronse 64 becas en 11 áreas diferentes, das 1.521 solicitantes.

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade de A Coruña, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibe o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.