Un alumno do Máster en Ciberseguridade da UDC, no que colabora o CITIC, gaña o "CDO University Challenge” de Telefónica
16/11/2018
- O vencedor, Enrique Andrade González, é estudante do Máster Inter-Universitario en Ciberseguridade organizado pola UDC e UVigo e no que colabora o CITIC.
- O investigador do CITIC, Tiago Manuel Fernández Caramés, dirixiu o TFG premiado.
A Coruña, 16 de novembro de 2018.- O estudante do Máster Inter-Universitario en Ciberseguridade (MUNICS) da Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, Enrique Andrade González, gañou a segunda edición do «CDO University Challenge” de Big Data e Ciberseguridade lanzado por Telefónica. O MUNICS está organizado pola Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Vigo (UVigo) e nel colaboran o CITIC da UDC e o atlanTTic da UVigo. O investigador do CITIC, Tiago Manuel Fernández Caramés, dirixiu o Traballo de Fin de Grao co que Andrade resultou gañador.
A iniciativa estaba destinada a estudantes universitarios en último curso de grao, posgrao ou máster que desexasen desenvolver os seus proxectos baseados en casos reais do Chief Data Office (CDO) de Telefónica. Así, o traballo de Andrade leva por título «JAWS (JavaScript Analysis for Web Security)”e foi dirixido por Tiago Manuel Fernández Caramés, investigador do CITIC e profesor do MUNICS da UDC, e Marcos Arjona, da área de Innovación en Seguridade do CDO de Telefónica.
Este reto foi organizado por LUCA, a unidade de datos de Telefónica, ElevenPaths, a unidade de ciberseguridade, e liderado polo afamado hacker e experto en ciberseguridade Chema Alonso. Grazas a este recoñecemento, o premiado terá a oportunidade de traballar cunha bolsa de emprego en ElevenPaths-Telefónica para dar continuidade ao seu proxecto.
O proxecto foi presentado o pasado xoves 15 de novembro na conferencia que organiza o Data Transparency Lab en Barcelona.
Sobre o CITIC
O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade de A Coruña, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibe o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.