CITIC

O CITIC da UDC recibe financiación do Ministerio de Ciencia para desenvolver un proxecto de tecnoloxía inclusiva en colaboración con ASPACE Coruña

22/07/2020

  • O proxecto contempla a participación activa de estudantes de secundaria e persoas con discapacidade para resolver retos tecnolóxicos de aplicación para mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral.
  • O importe da axuda concedida polo FECYT é de 30.000 euros.

A Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, concedeu ao Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC unha axuda de 30.000 euros no marco da Convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación. O proxecto leva por título «Mozos para unha tecnoloxía inclusiva: promovendo solucións tecnolóxicas con e para estudantes de secundaria e persoas con parálise cerebral – JÓVENES TECH-IN”.

O proxecto realizarase xunto con ASPACE Coruña, asociación pioneira en Galicia en atención integral a persoas con parálise cerebral. Esta acción está liderada polo subdirector do CITIC, Javier Pereira Loureiro, e a directora xerente de ASPACE Coruña, Sonia Ruiz Vargas.

Con este proxecto contémplase a participación activa de estudantes de instituto e persoas con discapacidade para resolver retos tecnolóxicos de aplicación para mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral. Así, crearanse grupos de traballo formados polo alumnado de diferentes centros educativos e polas persoas usuarias de ASPACE Coruña, a quen se propoñerán diferentes retos relacionados coa robótica e a realidade aumentada para a rehabilitación, a domótica e o desenvolvemento de actividades de ocio realizadas a medida, entre outros.

Cabe destacar que o CITIC e ASPACE Coruña acadaron recentemente un convenio de colaboración a través da UDC, para consolidar a cooperación existente entre ambas entidades, co fin de  promover relacións de beneficio mutuo en materia de colaboración académica e mellorar as actividades ás que ambas se dedican por separado e optimizar os recursos.  

O CITIC ten como principais obxectivos potenciar o uso das tecnoloxías da información e as comunicacións por todos os colectivos da sociedade atendendo á súa diversidade, promover e favorecer o traballo conxunto entre organismos de persoas con discapacidade, institucións comunitarias e universidades, así como fomentar o desenvolvemento e uso das TIC orientadas a colectivos de persoas discapacidade e familias, satisfacendo as súas necesidades e expectativas.