CITIC

O investigador do CITIC Ricardo Cao é designado novo editor xefe da revista científica Journal of Nonparametric Statistics

05/07/2018

O investigador do CITIC, Ricardo Cao, acaba de ser designado editor xefe da revista científica Journal of Nonparametric Statistics para o trienio 2019-2021. Así o comunicou o Consello de Administración da American Statistical Association, que decidiu o nomeamento de Cao por unanimidade.

A revista Journal of Nonparametric Statistics é unha publicación académica con recoñecido prestixio a nivel internacional, que se encarga da introdución e presentación de traballos de investigación en estatística non paramétrica e áreas relacionadas.

O investigador do CITIC encargarase directamente da coordinación da política editorial da revista no campo científico da estatística non paramétrica, detectando novos campos de desenvolvemento e aplicación desta rama da estatística; a proposta de novos editores asociados que formen parte do panel editorial da revista; a asignación de artigos recibidos aos editores asociados para xulgar sobre a súa posible aceptación por parte da revista; e a decisión final sobre a aceptación ou rexeitamento da publicación dun artigo de investigación.