O CITIC da UDC celebra o III Congreso XoveTIC con máis dun centenar de asistentes en modalidade online
08/10/2020 – CITIC
- O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez González, participou na sesión de apertura do evento.
- O congreso ten o obxectivo de potenciar o talento científico novo.
- Participan investigadores de universidades de toda España e Portugal.
O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña celebra a terceira edición do Congreso XoveTIC, que conta coa participación de máis dun centenar de asistentes en formato online. O congreso ten o obxectivo de potenciar o talento científico júnior e construír un espazo de encontro para o debate científico que contribúa á formación dos investigadores. Nesta edición, como novidade, participan investigadores de universidades de toda España e Portugal.
A sesión de apertura foi a cargo do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Román Rodríguez González, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo. O conselleiro destacou a importancia de continuar realizando este tipo de congresos, aínda que o formato sexa diferente debido á situación actual, e animou aos novos investigadores a “seguir formándose, traballando e investigando, porque tedes por diante un campo de traballo practicamente inabarcable e infinito”. Tamén sinalou que “a Xunta quere apoiar aos centros de investigación como o CITIC, ás Universidades e aos seus investigadores, pero todos os recursos económicos non servirían para nada se detrás non houbese persoas con ilusión e ganas, e grupos de traballo que permitan desenvolver proxectos neste ámbito”.
O reitor da UDC, Julio Abalde, apuntou que “as novas especializacións que se necesitarán no futuro próximo están relacionadas, entre outras, coa Intelixencia Artificial, o Big Data e a ciberseguridade, e a UDC ten unha aposta clara por formar a novos profesionais nestes campos”. Ademais, manifestou que a “transformación dixital non vai producir unha perda de postos de traballo, senón que se precisarán novos perfís máis especializados”.
Pola súa banda, o director do CITIC, sinalou que “o XoveTIC é unha porta cara o comezo da actividade investigadora, o mercado laboral e o emprendemento”. Afirmou que “os investigadores que estades aquí sodes o futuro, e máis nestas circunstancias nas que dependemos de novas ideas e metodoloxías que nos permitan afrontar a situación que estamos a vivir”.
Durante a xornada de hoxe de mañá venres presentaranse un total de 60 traballos de investigación, entre comunicacións orais e exposicións en formato póster. Ademais, o III Congreso XoveTIC acolle as conferencias plenarias da cofundadora de Forensic & Security e DFTools, Pilar Vila Avendaño, baixo o título “Peritaxe e ciberseguridade”, e do Open Innovation Senior Ecosystem Builder de BBVA, Ignacio Villoch, coa charla “Habilidades exponenciais para un cambio de época”.
Esta tarde terán lugar diferentes talleres de formación impartidos por empresas da contorna empresarial TIC galega, como son Imatia, GBTEC Software AG, Evelb Técnicas y Sistemas e Everis.
O III Congreso XoveTIC concederá cinco premios valorados en 300 euros cada un, destinados a recoñecer a calidade, a excelencia e a orixinalidade das comunicacións orais mellor valoradas por parte do Comité Científico. Estes galardóns están patrocinados polo Clúster TIC Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a Cátedra ALDABA WIB: Women, ICT & Business, a Cátedra UDC-everis en Transformación Dixital, a Cátedra R en Ciberseguridade, a Fundación CITIC de Galicia e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG). Ademais, os cinco mellores traballos presentados no congreso, tanto en formato comunicación oral como en póster, serán invitados a ser ampliados para a súa publicación como artigo científico nun número especial da revista “Applied Sciences”.