CITIC

O delegado da Xunta destaca o éxito do CITIC da UDC no ámbito da Intelixencia Artificial

26/04/2021 – CITIC

  • O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou esta mañá as instalacións do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, primeiro centro singular do Sistema Universitario Galego e o maior en Intelixencia Artificial de Galicia.
  • Afirmou que “o CITIC é un éxito da colaboración entre a Universidade, a sociedade, a Administración e o tecido empresarial”.

Esta mañá, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou as instalacións do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, primeiro centro singular do Sistema Universitario Galego e o maior en Intelixencia Artificial de Galicia, para coñecer algúns dos proxectos de investigación punteiros nos que se está a traballar dende o centro. O vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya, o director e o subdirector do CITIC, Manuel F. González Penedo e Javier Pereira, respectivamente, mostraron ao delegado da Xunta diferentes proxectos destacados no ámbito da Intelixencia Artificial, área na que o CITIC é referente na comunidade galega. O delegado territorial da Xunta estivo acompañado pola concelleira do Concello da Coruña, Esperanza Peñalosa.

Trenor manifestou que “o CITIC é un éxito da colaboración entre a Universidade, a sociedade, a Administración e o tecido empresarial”, afirmando que “marca a diferencia con respecto doutros centros e está a definir o camiño da investigación e da colaboración con empresas para sacar adiante proxectos”. Para finalizar, indicou que “todos os coruñeses e os galegos podemos sentirnos orgullosos deste centro, ao que auguro un futuro moi prometedor”.

Durante a visita, Trenor interesouse polos avances dalgúns dos proxectos na área de Intelixencia Artificial e tivo a oportunidade de probar dispositivos de realidade virtual na sala de demostradores do centro, analizando en primeira persoa a experiencia de usuario.

Cabe destacar que o CITIC recibiu financiamento directo por parte da Xunta por máis 2,2 millóns de euros, dende o ano 2019 ata 2022, o cal constata a importancia que desde o Goberno galego se lle está dando ao centro.