O delegado territorial da Xunta e o xefe territorial de Educación interésanse polos avances do proxecto Talentos Inclusivos
12/04/2021 – CITIC
- O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor López, e o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para a provincia da Coruña, Indalecio Cabana Leira, visitaron a sede de ASPACE Coruña para interesarse polo avance do proxecto.
- O proxecto Talentos Inclusivos está desenvolvido polo CITIC da UDC, ASPACE Coruña e o Consello Social da UDC.
- O proxecto fomenta vocacións científicas, á vez que visibiliza a diversidade funcional e achega solucións tecnolóxicas para mellorar a calidade de vida das persoas.
Esta mañá o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor López, e o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para a provincia da Coruña, Indalecio Cabana Leira, acudiron á sede de ASPACE Coruña en Sada para coñecer en primeira persoa os avances do proxectos Talentos Inclusivos. Este proxecto de tecnoloxía inclusiva está desenvolto polo Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, ASPACE Coruña e o Consello Social da UDC, en colaboración con diferentes centros educativos da provincia. Ademais, a iniciativa recibiu unha axuda de 30.000 euros por parte da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), dependente do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
O proxecto ten o dobre obxectivo de fomentar vocacións científicas entre a mocidade e visibilizar a problemática da diversidade funcional, achegando solucións tecnolóxicas específicas e creadas especialmente para mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral.
En concreto, o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña e o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para a provincia da Coruña asistiron á sesión de seguimento entre ASPACE Coruña, o CITIC e CPR Salesiano San Juan Bosco de A Coruña. Este centro está a desenvolver un dron programado con microbit para que poda ser controlado cun joystick adaptado, que permita ser utilizado co movemento da man ou da cabeza. O equipo de estudantes está explorando a posibilidade de programar o dron a través dunha placa controladora e diversas tecnoloxías inalámbricas. Na visita a ASPACE Coruña tamén puideron ver o funcionamento doutras propostas deseñadas polos centros educativos, como xoguetes adaptados e o Makey Makey, un mando para adaptar a todo tipo de xogos.
Na sesión de seguimento, os representantes da Xunta de Galicia estiveron acompañados polo presidente de ASPACE Coruña, Antolín Rodríguez; a directora xerente do centro, Sonia Ruiz; o director do CITIC, Manuel F. González Penedo; o subdirector do CITIC, Javier Pereira; e o director técnico do Consello Social da UDC, Jesús Expósito.
O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor López, destacou que Talentos Inclusivos é un “proxecto único e moi innovador, cun beneficio social para as persoas con parálise cerebral e que implica ao alumnado, a través da tecnoloxía, nunha realidade habitualmente descoñecida”.