CITIC

Investigadores do CITIC da UDC crean unha páxina web para monitorizar a evolución do COVID-19 en España

01/04/2020

  • A iniciativa dos investigadores Carlos Fernández Lozano e Rubén Fernández Casal conta co apoio do presidente do comité de expertos da “Acción Matemática contra o Coronavirus”, Ricardo Cao, tamén investigador do centro.
  • O equipo está traballando para incluír modelos preditivos que permitan utilizar a plataforma como punto de unión de múltiples investigacións.

A Coruña, 1 de abril de 2020.- O investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña, Carlos Fernández Lozano, puxo en marcha unha páxina web que permite monitorizar a evolución do COVID-19 en España. A idea xurdiu a partir do traballo realizado polo investigador Rubén Fernández Casal, que comezou a capturar os datos do Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar do Goberno de España relativos aos contaxios polo COVID-19. Esta iniciativa colaborativa conta co respaldo do comité de expertos da “Acción Matemática contra o Coronavirus” do Comité Español de Matemáticas (CEMat), a través do seu presidente Ricardo Cao, tamén investigador do CITIC, que ten o obxectivo de axudar ao Goberno a atopar solucións ante a crise sanitaria.

A páxina web permite consultar os datos relativos ao número de casos confirmados afectados polo COVID-19 por comunidades autónomas nas últimas semanas, así como os pacientes recuperados e os falecementos. O investigador das áreas de Intelixencia Artificial e de Ciencia e Enxeñaría de Datos do CITIC e profesor da Facultade de Informática da UDC, Carlos Fernández Lozano, apunta que a idea é “introducir máis datos relacionados con ingresos en UCI, incidencia, número de hospitalizacións, etc., e incluír modelos preditivos para utilizar a plataforma como punto de unión de múltiples investigacións”. Deste xeito, o site permitirá aportar máis claridade sobre a evolución da pandemia en España.

Así, o investigador do CITIC Rubén Fernández Casal encárgase da descarga de datos e procesado desde orixe, mentres que Carlos Fernández Lozano creou a ferramenta a partir do procesamento destes datos. Tamén están traballando para mellorar o rendemento e a capacidade de carga do sistema.

O investigador do CITIC Carlos Fernández Lozano

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación de Galicia que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, no ano 2016 a Xunta de Galicia recoñece ao CITIC como Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019 pola súa traxectoria científica. En 2019 renova esta acreditación e pasa a denominarse Centro de Investigación de Galicia. A actividade científica do CITIC estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes; e unha área de investigación transversal a todas elas, a de Ciberseguridade. Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que no centro promóvense accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.