CITIC

O CITIC apoia o evento "Informática para tod@s”

27/03/2019

  • A investigadora do CITIC Laura M. Castro é unha das organizadoras e fundadoras da iniciativa.
  • A cuarta edición do evento terá lugar os días 28 e 29 de marzo na Facultade de Informática da UDC e ten o obxectivo de promover o papel da muller no campo da tecnoloxía.

A Coruña, 27 de marzo de 2019.- A Facultade de Informática da Universidade da Coruña  acollerá o evento “Informática para tod@s”, organizado pola investigadora do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, Laura M. Castro, entre outros. A iniciativa, que vai celebrar a súa cuarta edición, terá lugar os días 28 e 29 de marzo e ten o obxectivo de promover o papel da muller no ámbito da tecnoloxía en español.

O evento está enmarcado dentro do ACM-W, un comité internacional cuxa misión é fomentar a participación da muller en todos os aspectos do campo da informática. En 2016, ACM-W: “Informática para tod@s” uniuse a este conxunto de celebracións a nivel nacional, para visibilizar o papel das mulleres na computación e facilitar o encontro e intercambio de ideas con persoas que comparten o español como lingua. Así, a investigadora do CITIC Laura M. Castro foi unha das fundadoras da iniciativa, formando parte do Comité Organizador dende a súa primeira edición.

O programa de “Informática para tod@s” está composto por charlas, sesión de pósters, paneis de discusión e feira de emprego. Contará con doce relatoras de referencia no ámbito tecnolóxico; entre elas atópase Nuria Oliver, enxeñeira de telecomunicacións referente en España en intelixencia artificial e big data e membro do Comité Asesor Científico do CITIC.

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade de A Coruña, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibe o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.