CITIC

O CITIC da UDC celebrou unha xornada para potenciar o retorno do talento emigrado

13/06/2019

  • O evento, que contou con preto de medio centenar de asistentes, tivo o obxectivo de valorizar mobilización internacional e fomentar iniciativas que faciliten o regreso dos profesionais.
  • A mesa de apertura foi a cargo do reitor da UDC, o presidente do Consello Social da UDC e o director do CITIC. Participaron na xornada catro expertos no panorama nacional que presentaron diferentes programas de captación de talento.

A Coruña, 13 de xuño de 2019.- O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu esta mañá a xornada ‘Retornando talento emigrado’, organizada xunto co Consello Social da UDC, co obxectivo de poñer en valor a mobilización internacional do persoal docente e investigador e impulsar iniciativas que posibiliten o regreso destes profesionais para transferir o coñecemento e excelencia a súa Universidade e país de orixe. A xornada contou con preto de medio centenar de asistentes.

A apertura do evento foi a cargo do reitor da UDC, Julio Abalde; o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín; e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo. Así, o reitor da UDC sinalou na inauguración da xornada que a Universidade ten “un reto moi importante”, xa que “ademais de atraer talento, tamén debe conseguir retelo” e proporcionar “estabilidade e posibilidade de desenvolvemento da carreira investigadora”.

Pola súa banda, o director do CITIC, indicou que o obxectivo do centro é “dar un paso máis no retorno e na captación de persoal” e que se deben “atopar fórmulas que permitan recuperar a esas persoas e integralas no ámbito da Universidade”. O presidente do Consello Social da UDC destacou a “aposta da Universidade pola investigación como garantía de futuro do noso país”, apuntando tamén que “o saldo migratorio do talento é moi negativo, xa que en España non se aposta por iso”.

Participaron no evento diferentes expertos do panorama nacional que presentaron diferentes programas de captación de talento: o director do Centro de Regulación Genómica (CRG), Luis Serrano Pubul, que presentou a SOMM Alliance; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya Fernández, co programa INTALENT; o director xeral de Ikerbasque, a Fundación Vasca para a Ciencia, Íñigo Atxutegi Basagoiti; e o director de ICREA, Antonio Huerta Cerezuela.

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade da Coruña, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibe o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.