CITIC

O CITIC presenta os resultados de 2018

21/12/2018

  • Presentáronse tamén os proxectos colaborativos do centro e con anterioridade tivo lugar o Comité de Dirección.
  • O CITIC xestionou recursos por un total de case 4,5 millóns de euros.

A Coruña, 21 de decembro de 2018.- O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña expuxo esta mañá os resultados da actividade investigadora do centro durante o ano 2018. Tamén se presentaron catro dos seus proxectos colaborativos e tivo lugar o Comité de Dirección. O director do CITIC, Manuel F. González Penedo, foi o encargado de amosar os principais indicadores de resultados do centro, destacando a xestión dun total de 4,36 millóns de euros en recursos.

O director quixo salientar que case o 50 % dos contratos proveñen do sector empresarial, evidenciando así o cumprimento dun dos obxectivos principais do centro, que é o fomento da  transferencia tecnolóxica e de coñecemento ao tecido produtivo.

Presentáronse tamén nesta xornada os resultados de catro proxectos colaborativos do CITIC: CONCORDANCE, para a prevención de colisións para UAVs utilizando técnicas de deep learning e sensórica optimizada; SC-IM-HW, que busca a optimización de métodos de selección de características baseados en información mutua para arquitecturas hardware non convencionais; eCOAR, un sistema automático para a detección de anomalías e control da calidade en eficiencia enerxética, confort térmico e calidade do aire en edificacións; e TREBOADA, que utiliza técnicas de predición de precipitación mediante sensores de baixo coste e aprendizaxe máquina.

Ademais, previo ás presentacións, tivo lugar o Comité de Dirección, ao que asistiron o Secretario Xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o Vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya; o director e subdirector do CITIC, Manuel F. González Penedo e Javier Pereira, respectivamente; e os investigadores principais do centro.

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade de A Coruña, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibe o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.