Resultados da análise da actividade investigadora do CITIC 2009-2016
03/07/2018
O pasado venres, o profesor Elías Sanz Casado, Catedrático da Universidade Carlos III de Madrid e director do Instituto Interuniversitario de Investigación Avanzada sobre Evaluación de la Ciencia y la Universidad (INAECU), presentou os resultados da análise da actividade investigadora do CITIC 2009-2016.
Este estudio levouse a cabo co obxectivo de identificar as fortalezas e áreas de especialización do CITIC, identificar o patrón de colaboración e o impacto e a visibilidade da produción, así como realizar propostas de mellora de colaboración e visibilidade internacional. Así, o estudo fíxose a dous niveis: por unha parte, comparouse o perfil de actividade do CITIC coa produción científica española nas disciplinas con maior actividade e, por outra, analizouse a produción científica, impacto e visibilidade dos 11 grupos do centro.
Estas son algunhas das conclusións extraídas:
- CITIC publicou 1.080 documentos entre 2009 e 2016, o que supón o 22,38 % da produción total da Universidade da Coruña.
- CITIC ten unha produtividade anual de 1,19 documentos por profesor permanente, mentres que o da UDC é de 0,63.
- As áreas temáticas de maior produción son Computer Science: Theory and Methods, Computer Science: Artificial Intelligence e Engineering, Electrical and Electronic.
- A porcentaxe de documentos en colaboración internacional é máis baixa que a da UDC e o Sistema Universitario Galego (6 e 13 puntos porcentuais respectivamente).
O profesor Sanz fai unha serie de recomendacións, entre as que destacan:
- Establecemento de políticas que favorezan a colaboración internacional con grupos de investigación de prestixio e referencia internacional, así como a colaboración con centros nacionais de referencia e excelencia científica.
- Atracción de talento internacional.
- Participación en proxectos de investigación nacionais.
- Fomento de políticas de mobilidade internacional para promover a colaboración con institucións de recoñecido prestixio e relevancia científica internacional.
- A nivel individual, participación en congresos e reunións científicas e intentar publicar os resultados de investigación en revistas de prestixio.