CITIC

O CITIC participa na Mobile Week Coruña

21/11/2018

  • O CITIC realizará diferentes talleres de formación no ámbito da robótica e a Intelixencia Artificial.
  • Terán lugar entre o xoves 22 e o luns 26 de novembro.

A Coruña, 21 de novembro de 2018.- O Centro de Investigación TIC (CITIC) Universidade da Coruña participa na Mobile Week Coruña, unha iniciativa impulsada por Mobile World Capital Barcelona que terá lugar do 21 ao 28 de novembro en A Coruña e a súa área metropolitana. O CITIC acollerá diferentes actividades e talleres de formación.

Por unha banda, o CITIC organiza dous talleres de robótica dirixidos a nenos de terceiro curso de primaria, no que terán a oportunidade de coñecer algúns dos avances levados a cabos neste ámbito e probalos en primeira persoa a través de diferentes xogos. Así, o CITIC ten o obxectivo de achegar as TIC aos máis pequenos e despertar o interese por elas. Os talleres serán o 22 de novembro no Colexio Calasanz- PP. Escolapios de A Coruña e o 23 de novembro no CEIP Eusebio da Guarda de A Coruña.

Ademais, o sábado 24 de novembro, conxuntamente coa compañía R, realizaranse os talleres Crea R nas instalacións do CITIC. Os horarios son os seguintes: para nenos de 9 e 10 anos, ás 10.30 h; para nenos de 7 e 8 anos, ás 12.30 h; para nenos de 9 e 10 anos e unha charla para pais de forma paralela, ás 17.00 h.

Por último, o próximo luns 26 de novembro de 12.00 a 14.00 horas, xunto con Accenture Digital, terá lugar o taller “Como construír modelos de Intelixencia Artificial para Móbiles e IoT” tamén nas instalacións do centro. Os participantes poderán adquirir unha visión global sobre o estado da arte da intelixencia artificial e construír un clasificador de imaxes a través de diferentes probas prácticas.

A Mobile Week Coruña é un evento global que ten como temática o futuro cotián e  desenvolverase en múltiples puntos da cidade e a súa contorna. Reunirá a artistas, científicos, filósofos, enxeñeiros e profesionais da industria nunha iniciativa aberta para todos os cidadáns, cunha programación transversal con actividades gratuítas que abordarán os retos, os límites e as oportunidades da transformación dixital.

Sobre o CITIC

O CITIC é un Centro de Investigación Singular que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicado ás TIC. Impulsado pola Universidade de A Coruña, é un punto de encontro entre a Universidade e a empresa no que conflúen departamentos de I+D de empresas do sector TIC con investigadores procedentes do ámbito universitario. No ano 2016, o CITIC recibe o distintivo de Centro Singular de Investigación de Galicia 2016-2019, sendo o único centro TIC de Galicia recoñecido con esta distinción, cofinanciado pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.