CITIC
Visita ADACECO CITIC

A asociación ADACECO visita o CITIC para probar desenvolvementos de realidade virtual creados no centro

14/03/2022 – CITIC

Este xoves 10 de marzo, usuarios e profesionais sanitarios da Asociación de Dano Cerebral de Coruña (ADACECO) visitaron o Demostrador Tecnolóxico do CITIC para probar diferentes desenvolvementos de realidade virtual creados por persoal investigador do centro, así como diversas propostas comerciais.

Esta visita tivo a finalidade de recoller as opinións e suxestións tanto de usuarios como de sanitarios para mellorar os desenvolvementos actuais e para traballar na implementación de novas contornas de realidade virtual.

As aplicacións seleccionadas permitiron aos usuarios participantes ter un primeiro contacto coa experiencia de realidade virtual e traballar diferentes habilidades físicas e cognitivas dun modo ameno, motivador e seguro. Ademais, probaron unha tecnoloxía pouco estendida no ámbito comercial da realidade virtual: o dispositivo Leap Motion, que permite interactuar cos escenarios de realidade virtual directamente coas mans, sen necesidade de mandos.