CITIC

MSCA - Postdoctoral fellowships

CITIC busca persoal investigador posdoutoral destacado que queiran impulsar a súa carreira investigadora e solicitar unha Marie Skłodowska Curie Postdoctoral Fellowships con CITIC como institución receptora.  

CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia na I+D+i aplicada ás TIC. É o único centro TIC de Galicia recoñecido como Centro de Investigación do Sistema Universitario de Galicia 2019-2022 pola Xunta de Galicia. CITIC foi creado en 2008 para ser un punto de encontro entre a universidade e as empresas do sector TIC. 

A actividade científica do CITIC estrutúrase en catro áreas de investigación principais, Intelixencia Artificial, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Computación de Altas Prestacións e Servizos e Redes Intelixentes; e mais unha área de investigación transversal a todas elas, a de Ciberseguridade. 

CITIC invita a que se envíen expresións de interese de investigadores e investigadoras excelentes que queiran solicitar MSCA-Postdoctoral Fellowships en 2022. As expresións de interese están abertas a calquera das áreas de investigación do centro. Pódese atopar máis información sobre áreas e prioridades científicas, o noso equipo de investigación e os proxectos na nosa web. 

CITIC a e a UDC ofrecerán asesoramento e axuda ás persoas seleccionadas durante o proceso de solicitude (data provisional de peche 11 de setembro de 2024). Pódese encontrar máis información sobre os programas de apoio á ciencia excelente que ofrece a OTRI da UDC na súa web. 

 A UDC obtivo en 2017 o selo HRS4R, como recoñecemento ás suás políticas de recursos humanos.

 logo-HR

Condicións laborais

CITIC ofrece ao seu persoal investigador unhas condicións de traballo inmellorables para levar a cabo os seus proxectos e desenvolver as súas carreiras profesionais. As persoas contratadas beneficiaranse dos servizos de apoio do centro e das súas instalacións, de alta calidade, que inclúen modernas oficinas e pleno acceso ao Centro de Procesado de Datos do CITIC. O persoal tamén ten acceso aos servizos e instalacións da UDC. 

O persoal contratado recibirá cobertura e beneficios sociais de acordo coa lexislación española, incluíndo cobertura de desemprego, seguridade social, permisos de maternidade e paternidade e vacacións pagadas. De acordo coa normativa interna do CITIC, as condicións de emprego permiten unha excelente conciliación da vida persoal e laboral. 

CITIC e a UDC teñen un magnífico entorno social. A Coruña ofrece numerosos atractivos e unha excelente calidade de vida grazas a unha moderna rede de servizos e a unha gran oferta de actividades culturais e de lecer. Galicia posúe espectaculares espazos naturais e praias, un rico patrimonio histórico e unha gastronomía excepcional. Celébranse durante todo o ano numerosos eventos sociais e culturais. Tamén hai acceso a instalacións para a práctica deportiva de diferentes deportes, como os deportes náuticos. 

Criterios de elixibilidade 

As persoas candidatas poden ser de calquera nacionalidade, pero deben cumprir coas condicións de elixibilidade e mobilidade das MSCA: 

  • Non residir en España máis de 12 meses nos últimos 36 meses inmediatamente anteriores á data límite da convocatoria. 
  • Estar en posesión do título de doutor o ter defendida a súa tese de doutoramento antes do peche da convocatoria (11 de setembro de 2024). 
  • Non ter máis de 8 anos de experiencia posdoutoral desde a data de obtención do título de doutor. 

Os detalles completos da convocatoria MSCA-Postdoctoral Fellowships estarán dispoñibles no portal da Comisión Europea. 

Proceso de solicitude 

Se tes interese en solicitar unha MSCA-PF connosco, envíanos o teu CV, un breve resumo do proxecto de investigación (de máximo 300 palabras, en
inglés)
 e unha carta de presentación na que se indique en que liña de investigación che gustaría traballar ao enderezo talent@citic-research.org.

Información clave (como a data de defensa da tese de doutoramento, o ORCID iD, o emprego actual e os lugares de residencia e actividade dos últimos 3 anos) deben estar incluídos na solicitude.

As persoas candidatas recibirán resposta antes do 30 de abril de 2024.