CITIC

A Cátedra R en Ciberseguridade, dirixida polo investigador do CITIC, Carlos Dafonte, convoca unha nova edición dos premios aos mellores traballos en ciberseguridade dixital

27/09/2023 - CITIC

A Cátedra R en Ciberseguridade, dirixida na UDC polo investigador do CITIC Carlos Dafonte, convoca os V Premios aos Mellores Traballos Académicos e de Investigación en Ciberseguridade Dixital. O obxectivo principal destes premios é “a promoción e difusión da actividade docente e investigadora no ámbito da ciberseguridade”. 

Poderán presentar as súas candidaturas estudantes que defenderan o seu Traballo Fin de Grao (TFG), Traballo Fin de Master (TFM) ou Tese Doutoral durante os cursos académicos 2021/22 e 2022/23 nas universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia. Ademais, nesta edición tamén poderán concorrer aos premios os traballos de investigación e transferencia realizados en colaboración con empresas. 

A entrega de premios realizarase durante a celebración do evento do Nodo Gallego de Ciberseguridade, CIBER.gal, que terá lugar os próximos 2 e 3 de novembro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. 

As solicitudes poderán presentarse ata o 10 de outubro de 2023 a través da seguinte ligazón. 

Consulta aquí as bases da convocatoria. 

Sobre a Cátedra R 

A Cátedra R en Ciberseguridade Dixital creouse en decembro de 2018 no seo das Universidades de Vigo e da Coruña co apoio de R. Nace coa intención de promover o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado universitario, mellorar a capacitación, ampliar ou actualizar coñecementos, técnicas ou habilidades dos membros da comunidade universitaria ou outros profesionais ás necesidades da empresa, fomentar a formación continua, a innovación e a investigación na área da ciberseguridade. 

Un dos obxectivos que ten esta Cátedra é o impulso de actividades que permitan crear espazos de debate e difusión das actividade docente e investigadora do ámbito da ciberseguridade. A este respecto, esta convocatoria persegue o recoñecemento do traballo realizado por estudantes das Universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia, mediante premios aos traballos académicos Fin de Grao (TFG) e Fin de Máster (TFM) e aos traballos de investigación en teses doutorais e de transferencia á empresa.