CITIC

A detección da depresión en redes sociais e a recuperación de partituras por tarareo, dúas teses do CITIC que optaron ao concurso #HiloTesis en redes sociais da CRUE

22/07/2024 - CITIC
  • A Conferencia de Reitores e Reitoras das Universidades Españolas (CRUE) e a Fundación Ignacio Larramendi promoven a cuarta edición do concurso destinado a reforzar a relevancia social da investigación aproveitando as posibilidades destas canles de comunicación.
  • A tese do CITIC da UDC seleccionada para concursar a nivel nacional foi a de Miguel Anxo Pérez -dirixida polos investigadores Álvaro Barreiro e Javier Parapar- sobre detección da depresión con técnicas de Big Data.
  • A investigadora Hilda Romero participou coa súa tese sobre identificación de partituras musicais.

A Coruña, 22 de julio de 2024.- Dous investigadores do CITIC da UDC participaron nos premios do concurso #HiloTesis promovido pola Conferencia de Reitores e Reitoras das Universidades (CRUE) destinado a reforzar a relevancia social da investigación aproveitando as posibilidades das redes sociais. Neste caso os dous autores optaron pola rede X (antes twitter) para a presentar os seus traballos de teses a través dun fío, no que cunha linguaxe sinxela e atractivo explicaron as súas investigacións.

O fío do investigador Miguel Anxo Pérez-Vila, seleccionado pola Universidade da Coruña para participar na fase nacional, aborda na súa tese doutoral – dirixida polos investigadores Álvaro Barreiro e Javier Parapar- a detección da depresión en redes sociais con técnicas de Big Data (https://x.com/anxopvila/status/1801682933339640310). Miguel Anxo explica como nos últimos anos, investigadores en Big Data, Intelixencia artificial e lingüística computacional empezaron a utilizar toda esta información para detectar persoas en risco de saúde mental e, precisamente, a súa tese enfócase na detección da depresión en redes.

“Un problema cos modelos actuais é que a miúdo son unha caixa negra. Os resultados poden ser precisos, pero non sempre sabemos por qué. Poder entender o seu funcionamento e interpretar os resultados resulta crucial para unha correcta aplicación práctica da IA”, explica Miguel Anxo Pérez-Vila. É por iso que o desenvolvemento dos seus modelos baséase nun enfoque interdisciplinar e realizouse en colaboración con profesionais da saúde para deseñar e validar estes modelos, co fin de que sexan ferramentas precisas e útiles en contextos clínicos reais.

A outra tese presentada é a de Hilda Romero, quen tamén creou un fío na rede X explicando o seu traballo: https://x.com/rv_hilda/status/1800161749288853576. Esta investigación busca partituras “usando un instrumento ou a propia voz”. Para iso traballou coas partituras da Folkoteca Galega para que sexa posible atopalas tarareando, “obtendo resultados con moi boa precisión”, tal e como resalta a propia Hilda Romero.

“Primeiro extraemos 3 características das partituras gardadas nun formato que o computador entende (MusicXML): distancia cromática e diatónica entre notas e a ratio do ritmo. Agora podemos conseguir estes mesmos atributos dun audio dunha melodía gravada cun instrumento. Se os comparamos cos das partituras poderemos atopar cales se parecen máis. Aínda que esta tarefa non é tan sinxela”, advirte a investigadora. A ferramenta BLAST permite buscar secuencias similares de nucleótidos (ADN e ARN) ou proteínas de forma rápida e eficiente, “é amplamente coñecida en bioinformática e decidimos aplicala no noso campo, o aliñamento entre partituras e audio”, engade Hilda Romero, quen resalta que “comprender mellor a estrutura e os patróns da música pode axudar en investigacións sobre o seu impacto na saúde. Hoxe sabemos que os recordos musicais son os máis resistentes ao Alzheimer e que a música inflúe a nivel hormonal no cerebro”, conclúe.

Na VI edición do Congreso XoveTIC, que anualmente organiza o CITIC para que persoal investigador en formación comparta as súas investigacións, Hilda gañou o premio Cátedra Aldaba – WIB (Women, ICT & Business): «Ao máis relevante liderado como primeira autora unha muller» polo proxecto «Indexación e Recuperación de Partituras por Tarareo Baseada en Características Extraídas», dirixido por Susana Ladra, José R. Paramá e Fernando Silva Coira.

A cuarta edición do concurso #HiloCrue, no que o ano pasado participaron 384 teses de 47 universidades asociadas a CRUE, concede seis premios dotados con 500 euros cada un, grazas ao financiamento achegado pola Fundación Ignacio Larramendi. No fallo do xurado, anunciado o luns 15 de xullo, recoñécense os traballos de estudantes das universidades de Valladolid (UVA), Valencia (UV), A Rioxa (UR), Rey Juan Carlos (URJC), Cantabria (UC) e Autònoma de Barcelona (UAB).