CITIC
indestia

A empresa Indestia, creada por persoal investigador do CITIC, recibe o premio Spin-Off PuntoGal na categoría de Idea Emerxente

27/10/2022 – CITIC

A empresa de base tecnolóxica Artificial Intelligence Indestia, participada pola UDC e da que forman parte os/as investigadores/as do CITIC Juan Jesús Romero, Adrián Carballal, Francisco Cedrón e Nereida Rodríguez, recibiu o premio Spin-Off PuntoGal na categoría de Idea Emerxente.

Esta categoría premia a empresas de recente creación ou que levasen recentemente ao mercado unha idea innovadora. O xurado desta VI edición destacou a posta en marcha dunha idea orixinal dentro do sector do TIC e ter conseguido clientes importantes para o seu produto PhotoILike, unha ferramenta baseada en Intelixencia Artificial que permite seleccionar as fotos que van ter maior impacto entre o público, con aplicación polo momento ao sector inmobiliario.

Estes galardóns están organizados polo dominio PuntoGal e GCiencia e teñen o fin de distinguir ás empresas e grupos de investigación máis innovadores. Ademais de Indestia, resultaron gañadores Casa Grande de Xanceda na categoría de Selo de Calidade e o grupo SING (Sistemas Informáticos de NovaB Xeración), da Universidade de Vigo, na modalidade de grupos de investigación.

En edicións anteriores, foron recoñecidos os grupos de investigación VARPA (Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns), dirixido polo director do CITIC Manuel F. González Penedo, e LBD (Laboratorio de Bases de Datos), dirixido pola investigadora e membro do Comité de Dirección do CITIC Nieves R. Brisaboa.