CITIC

A Facultade de Informática da UDC acolle a VI Feira de Prácticas e de Emprego do sector TIC, coa participación de 40 empresas

22/04/2025 - CITIC
  • Celebrarase os días 23, 24 e 25 de abril e incluirá, na última xornada, a entrega do X Premio ao Mellor TFG Aplicado da FIC no curso 2023/2024.
  • O evento consolídase como foro de encontro referente entre o estudantado do Centro e as principais entidades tecnolóxicas da contorna.

A Coruña, 21 de abril de 2025.- A Facultade de Informática da Universidade da Coruña (FIC) acollerá entre os días 23 e 25 de abril a VI Feira de Prácticas e de Emprego (FEPE FIC), un evento xa consolidado como espazo de encontro entre o estudantado de grao e mestrado da Facultade e o ecosistema tecnolóxico galego e estatal. A cita está organizada pola FIC, en colaboración coa Fundación Universidade da Coruña (FUAC) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), co obxectivo de tender pontes entre o talento universitario e as principais empresas do sector TIC.

A feira deste ano contará coa participación de 40 empresas líderes en innovación e tecnoloxía -14 máis ca na FEPE FIC 2024- que achegarán ao alumnado os seus proxectos e necesidades en materia de talento e perfís profesionais. Esta edición, que reforza a súa vocación práctica e de contacto directo entre universidade e empresa, incluirá presentacións corporativas, stands informativos e actividades divulgativas, que permitirán coñecer ao estudantado da UDC as posibilidades de prácticas e inserción laboral ao rematar os estudos.

“Énchenos de satisfacción comprobar como a Feira de Prácticas e de Emprego da Facultade de Informática da UDC se consolida ano tras ano como un punto de encontro esencial entre o talento do noso estudantado e as principais empresas do sector TIC”, sinala a vicedecana de Relacións Institucionais da FIC, Paula María Castro Castro.

“Este evento non só abre portas a futuras oportunidades profesionais, senón que tamén reflicte o compromiso da facultade co ensino público de calidade e a innovación, o emprego e o impulso da tecnoloxía na nosa contorna”, engade Castro.

Programa

A FEPE FIC 2025 desenvolverase ao longo de tres xornadas, con actividades programadas cada día entre as 9:30 e as 15:00 horas. O formato incluirá unha primeira parte de presentación das empresas participantes e, posteriormente, a apertura na feira dos stands das entidades colaboradoras para o contacto directo co alumnado:

23 de abril: empresas como ABANCA, ALTIA, AVANSIG, BAHÍA SOFTWARE, BALIDEA, ITG, CINFO, DATASPARTAN, DELOITTE ou DENODO participarán na primeira xornada.

24 de abril: estarán presentes entidades como DIVERGER, ENXENIO, GBTEC, GRADIANT, HPE CDS, IMATIA, INDITEX TECH, INNOGANDO, INYCOM, KELEA ou MINSAIT.

25 de abril: pecharán a feira compañías como ALDABA, CITMAGA, MERLIN, NAVANTIA, NTT DATA, NUNEGAL, ODEENE, PLEXUS, POSSIBLE, QINDEL, SNGULAR, e tamén participará o UDC-CITIC.

Ademais, durante a última xornada terá lugar a entrega do Premio ao Mellor Traballo Fin de Grao Aplicado da FIC, un recoñecemento que busca destacar os mellores proxectos realizados polo alumnado, con aplicación directa no ámbito tecnolóxico. Concederase un primeiro premio, dotado con 750 euros; e un accésit , con 500 €. O galardón conta co patrocinio das cátedras Aldaba WIB, CICAS e NTT Data en Diversidade e Tecnoloxía.

Un punto de encontro entre talento e innovación

A Feira de Prácticas e de Emprego da FIC é un espazo recoñecido pola súa capacidade de poñer en valor o talento universitario e visibilizar as oportunidades profesionais no sector TIC. Durante o evento, o alumnado poderá interactuar directamente coas empresas, achegarse aos seus proxectos en curso e explorar as distintas vías de incorporación ao mundo laboral, xa sexa a través de programas de prácticas ou de ofertas de emprego.

A participación activa das entidades tecnolóxicas reflicte tamén o compromiso coa formación e o desenvolvemento de perfís profesionais altamente cualificados nun contexto de transformación dixital e demanda crecente de especialistas en tecnoloxía.