CITIC

A Fundación CITIC e o Colexio de Avogados da Coruña asinan un acordo para impulsar a innovación tecnolóxica no ámbito xurídico

06/10/2025 - CITIC
  • A colaboración permitirá o desenvolvemento de proxectos de investigación, formación, intercambio de profesionais e programas conxuntos de innovación tecnolóxica no ámbito legal.
  • No marco deste acordo, o ICACOR participará no Congreso XoveTIC, que se celebra os próximos 9 e 10 de outubro, coa entrega dun premio a un traballo destacado no ámbito xurídico-tecnolóxico.

A Coruña, 7 de outubro de 2025.– A Fundación Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións de Galicia e o Ilustre Colexio Provincial de Avogados da Coruña (ICACOR) asinaron este martes un acordo de colaboración co obxectivo de fortalecer os lazos entre os sectores xurídico e tecnolóxico, promovendo a investigación, o desenvolvemento e a innovación (I+D+i) no ámbito das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións.

Antonio Rojo Álvarez, director xerente da Fundación CITIC de Galicia, e Augusto Pérez Cepeda-Vila, decano do ICACOR, foron os encargados de formalizar o acordo, nun acto no que tamén estiveron presentes Manuel G. Penedo, director do CITIC, e Vera Iglesias en representación da Fundación CITIC.

Este acordo establece un marco de cooperación que permitirá desenvolver iniciativas conxuntas orientadas á formación, á transferencia de coñecemento e ao asesoramento mutuo entre ambas institucións. A colaboración concretarase en accións como a participación en proxectos de investigación, a organización de actividades formativas, o intercambio temporal de profesionais e o desenvolvemento de programas conxuntos en materia de innovación tecnolóxica aplicada ao sector xurídico.

Como unha das primeiras accións no marco deste acordo, o ICACOR participará no Congreso XoveTIC, organizado polo CITIC da Universidade da Coruña, coa entrega dun premio ao traballo máis relevante no ámbito ético-xurídico, fomentando así a conexión entre a investigación académica e as necesidades reais do exercicio profesional do Dereito na era dixital.

“Este convenio representa unha oportunidade valiosa para achegar o mundo xurídico ao tecnolóxico e para explorar novas vías de innovación, formación e transferencia de coñecemento. Cremos firmemente no poder da colaboración interdisciplinar e estamos convencidos de que este acordo será o inicio de proxectos enriquecedores para ambas entidades e para a sociedade galega no seu conxunto”, afirmou Antonio Rojo Álvarez, director xerente da Fundación CITIC.

Pola súa banda, Augusto Pérez Cepeda-Vila, decano do ICACOR, destacou que “este acordo responde á necesidade de impulsar o uso axeitado das tecnoloxías da información e as comunicacións no exercicio profesional da avogacía. A colaboración coa Fundación CITIC permitiranos estar á vangarda da innovación tecnolóxica aplicada ao ámbito xurídico e ofrecer aos nosos colexiados formación especializada neste eido estratéxico”.

O acordo terá unha vixencia inicial de tres anos, con posibilidade de renovación, e permitirá desenvolver novas liñas de colaboración que impulsen a transformación dixital e a innovación en Galicia.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que promove o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas principais de investigación: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, así como unha área transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e o impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC están cofinanciadas pola Xunta de Galicia e nun 60 % pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).