CITIC

A IA, ferramenta clave para combinar sustentabilidade e eficiencia

11/12/2024 - CITIC
  • A consultora e deseñadora de proxectos de Intelixencia Artificial Alba Meijide falou no CITIC da UDC sobre innovación responsable no ciclo “Converxencia Verde para un futuro sustentable”, no marco da Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes

A Coruña, 11 de decembro de 2024.- O CITIC da UDC acolleu este martes, 10 de decembro, a conferencia da consultora e deseñadora de proxectos Alba Meijide titulada “Innovación Responsable”, na que abordou como a intelixencia artificial pode ser unha ferramenta clave para avanzar cara a un futuro sostible. A través de dous exemplos prácticos, explicou de que xeito o deseño eficiente de sistemas de IA permite combinar sustentabilidade e eficiencia na utilización dos recursos dispoñibles.

No primeiro exemplo, cun enfoque técnico, destacou a importancia de desenvolver modelos sostibles de intelixencia artificial. Meijide fixo fincapé na necesidade de implantar sistemas eficientes que substitúan procesos altamente enerxéticos. Para ilustralo, presentou un proxecto de xestión de localizacións de rodaxe. A IA aplicada neste caso permite optimizar a busca de diferentes escenarios mediante un mapa interactivo que tamén inclúe información sobre hoteis, empresas de catering e outros servizos relevantes para a produción. Este sistema emprega redes neuronais convolucionais, deseñadas especificamente para traballar con imaxes, e optimiza o consumo enerxético durante o proceso de adestramento dos modelos.

No segundo exemplo, partindo dun enfoque creativo, explicou como os proxectos baseados en IA poden optimizar procesos e reducir o consumo de recursos, abrindo novas posibilidades en sectores diversos.

Entre as conclusións, destacou que a IA xerativa representa un desafío pola súa elevada esixencia computacional, pero tamén unha oportunidade se se toman decisións técnicas axeitadas no deseño dos sistemas. Subliñou a importancia de avaliar e elixir modelos de IA eficientes, independentemente da súa aplicación, para garantir a sustentabilidade e maximizar o impacto positivo.

Esta conferencia, enmárcase na actividade organizada pola Cátedra Inditex-UDC de IA en Algoritmos Verdes, que ten como obxectivo promover a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento no ámbito da intelixencia artificial e dos algoritmos verdes co fin de contribuír ao desenvolvemento sostible e á protección do medio ambiente.