Adriana Dapena, investigadora do CITIC da Universidade da Coruña, impartiu o pasado 15 de xaneiro unha charla sobre interfaces persoa-máquina para os e as estudantes de primeiro de bacharelato do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela.
Durante a sesión, titulada “Interfaces persoa-máquina baseadas en sinais de encefalografía” e dirixida ao alumnado da materia de tecnoloxía, Adriana Dapena presentou unha visión de como as tecnoloxías baseadas en sinais cerebrais están a transformar a interacción entre as persoas e as máquinas.
A charla abarcou desde os fundamentos científicos e técnicos destas interfaces, ata a súa evolución histórica e as súas aplicacións prácticas no campo da accesibilidade. Tras esta introdución, a investigadora propuxo un taller práctico no que o alumnado tivo a oportunidade de involucrarse no desenvolvemento dun sistema de control de obxectos mediante a detección de estados oculares.
Esta actividade permitiu aos estudantes familiarizarse cunha das liñas de investigación do Grupo en Tecnoloxía Electrónica e das Comunicacións (GTEC) do CITIC, do que forma parte a investigadora, e buscou espertar o seu interese polo mundo da ciencia e a tecnoloxía.