CITIC

A investigadora do CITIC Hilda Romero presenta en Corea unha análise innovadora das similitudes musicais entre tradicións

17/10/2025 - CITIC

Hilda Romero Velo, investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC, participou na 26ª edición da International Society for Music Information Retrieval (ISMIR) Conference, celebrada en Daejeon (Corea do Sur) do 21 ao 25 de setembro de 2025.

A ISMIR é o principal foro internacional en recuperación de información musical, un ámbito interdisciplinar que combina informática, musicoloxía, matemáticas e ciencias cognitivas para abordar o procesamento, análise, indexación e acceso a datos musicais.

Na súa ponencia, titulada Phylo-Analysis of Folk Traditions: A Methodology for the Hierarchical Musical Similarity Analysis, Hilda Romero presentou unha nova metodoloxía para o estudo das similitudes entre tradicións musicais de transmisión oral. O enfoque ilústrase cun caso práctico que compara os repertorios galego e irlandés, revelando conexións estilísticas entre ambas culturas.

O traballo introduce ademais un conxunto de datos aberto composto por 600 partituras anotadas por expertos, sobre o que se aplican diversas técnicas de aliñamento para detectar patróns compartidos en múltiples niveis. Estas técnicas avalíanse mediante métricas de separación entre xéneros, o que permite comparar a súa eficacia.

Os resultados represéntanse en árbores filoxenéticas, unha visualización innovadora que reflicte afinidades estilísticas e vínculos interculturais entre tradicións musicais. Esta aproximación achega novas ferramentas para a investigación musicolóxica e etnomusicolóxica, abrindo camiños para o estudo comparativo en contextos internacionais.

O artigo completo pode consultarse na web da conferencia.