CITIC

A investigadora do CITIC Minia Manteiga, nova presidenta da Sociedade Española de Astronomía

19/07/2024 - CITIC
  • A astrofísica, que lidera en Galicia o proxecto Gaia para a creación do maior mapa da Vía Láctea, presidirá a institución que agrupa a mil profesionais da astronomía.
  • Minia Manteiga foi elixida na tarde de onte nova presidenta da SEA na asemblea celebrada durante a XVI Reunión Científica da entidade en Granada.

A Coruña, 19 de xullo de 2024.- A investigadora do CITIC e catedrática da UDC, Minia Manteiga, foi nomeada nova presidenta da Sociedade Española de Astronomía (SEA) na asemblea xeral celebrada este pasado xoves, 18 de xullo en Granada.

A astrofísica e catedrática da UDC, Mina Manteiga, pasa a presidir unha institución que agrupa a 950 profesionais da astronomía -incluíndo ao redor de 625 doutores en astrofísica e uns 280 membros juniors-, unha entidade da que xa era vicepresidenta.

Minia Manteiga Outeiro é catedrática de Astronomía e Astrofísica na Universidade da Coruña, onde lidera un grupo que desde hai anos contribúe á elaboración do arquivo da misión Gaia, creando ferramentas para a análise e explotación dos datos do satélite.

A súa traxectoria profesional comezou no Instituto de Astrofísica de Canarias, onde realizou a súa tese doutoral en evolución estelar mediante o estudo de cúmulos estelares. Foi investigadora posdoutoral no Istituto di Astrofísica Spaziale en Frascati (Roma) e no Laboratorio de Astrofísica Espacial e Física Fundamental (LAEFF, INTA), xerme do actual Centro de Astrobiología. Posteriormente trasladouse á universidade, sendo docente na Universidade de Vigo para logo pasar á Universidade da Coruña, a súa actual institución.

En 2020 foi nomeada académica numeraria da Real Academia Galega de Ciencias, desde onde realiza unha actividade intensa de divulgación da astronomía en Galicia. Foi colaboradora da Axencia Estatal de Investigación na subárea Espacio, e actualmente é coordinadora da subárea Astronomía e Astrofísica.

“Compartir a ciencia do ceo”
“Asumo o reto de presidir a Sociedade Española de Astronomía con agradecemento pola confianza da sociedade e con ganas de continuar co labor de afianzamento do noso colectivo como unha sociedade cohesionada que achega aos seus socios e socias instrumentos para compartir a ciencia do ceo, incidindo especialmente en prestar apoio ao persoal investigador novo”, afirmou ao aceptar o novo cargo. “A SEA non só serve como vehículo para difundir información de interese xeral, é tamén un foro de encontro que pode servir para mover vontades ao redor de ideas ou proxectos ilusionantes, como o é a realización cada dous anos da nosa Reunión Científica. As persoas que formamos a SEA somos diversas e iso enriquécenos e fainos mellores. Somos máis de 1000 membros entre persoal investigador consolidado, persoal novo en formación, membros asociados, e astrónomos e astrónomas xubilados”.

Minia Manteiga accede ao cargo tras ser vogal da Xunta da SEA e ostentar o cargo de vicepresidenta durante os últimos 4 anos. “Servir a esta sociedade tan ampla é un gran reto, pero a experiencia dos últimos anos fíxome ver que é unha responsabilidade moi gratificante desde o punto de vista humano, e unha gran fortuna desde o punto de vista profesional, o que me fai sentirme moi orgullosa”.

Tamén se produciron cambios noutros cargos da Xunta da Sociedade Española de Astronomía. A vicepresidencia estará a cargo de José Manuel Vílchez (IAA-CSIC) e Míriam Cortés Contreras (UCM) asume a tesourería que deixa Ramón Oliver Herrero (UIB). Consuelo Cid Tortuero (UAH) e Sergio Simón Díaz (IAC) serán novos vocais. Os cargos serán efectivos o 1 de xaneiro de 2025.