CITIC

A investigadora do CITIC Susana Ladra, recoñecida pola RAGC e a Universidade Intercontinental da Empresa

26/11/2024 - CITIC

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) anunciaron os galardóns da primeira edición dos Premios RAGC-UIE para investigadoras e investigadores mozos, que recoñecen a excelencia en Ciencias Básicas, Ciencias Técnicas e Ciencias Sociais. Estes premios subliñan o compromiso de Galicia coa promoción da investigación como motor de desenvolvemento científico e social.

Entre os recoñecementos destaca o accésit recibido por Susana Ladra, profesora da Universidade da Coruña e investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC). A súa traxectoria no eido da compresión de datos e no deseño de algoritmos e estruturas de datos eficientes para a análise de Big Data xenómico marcou un referente no ámbito da bioinformática, combinando avances tecnolóxicos e aplicacións prácticas. Durante os últimos anos, Susana Ladra liderou no CITIC unha nova liña de investigación centrada en solucións computacionais para os retos da bioinformática, consolidando o seu impacto a nivel autonómico e internacional.

Liderado feminino

Os Premios RAGC-UIE recoñeceron o liderado feminino na investigación galega destacando a traxectoria de tres mulleres nas diferentes categorías principais. En Ciencias Básicas, Beatriz Pelaz (USC, CiQUS) foi galardoada polo desenvolvemento de nanomateriais funcionais que incrementan a eficiencia das nanomedicinas, liderando 14 proxectos con máis de 3,5 millóns de euros en financiamento. En Ciencias Técnicas, Belén Riveiro (UVigo, CINTECX) destacou pola aplicación da intelixencia artificial á avaliación de estruturas de enxeñaría civil, mellorando a seguridade en pontes, estradas e vías férreas. Por último, Cristina Gómez (USC, CRETUS) foi premiada en Ciencias Sociais polo seu traballo sobre psicoloxía política e comportamento colectivo en contextos de crise, así como pola análise de problemas ambientais.

Tamén se concederon accésits a investigadoras cunha destacada traxectoria. Iria Gómez (CiMUS, USC) foi recoñecida en Ciencias Básicas polos seus estudos sobre os mecanismos moleculares da autoinmunidade. En Ciencias Técnicas, Sara González (CRETUS, USC) foi premiada polos seus proxectos sobre economía circular e sustentabilidade, mentres que Ariadna Monje (UDC) destacou en Ciencias Sociais polas súas investigacións en emprendemento e turismo. Cunha dotación de 5.000 euros para os premios principais e un elevado nivel competitivo con 63 candidaturas presentadas, os galardóns poñen en valor o talento investigador galego e serán entregados nun acto que terá lugar en decembro.