CITIC
GRUPO LIDIA
FACULTADE DE INFORMATICA DA UDC

A investigadora do CITIC Verónica Bolón, nova académica da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España

11/11/2022 – CITIC

A investigadora do CITIC Verónica Bolón foi nomeada recentemente académica da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España. Enxeñeira informática, diploma en Estudos Avanzados e doutora en Computación, actualmente é profesora titular no departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da UDC e lidera diversos proxectos de investigación no Centro de Investigación TIC relacionados coa aprendizaxe no campo da Intelixencia Artificial (IA).

Así, cabe destacar o seu traballo á fronte do proxecto de I+D sobre “Algoritmos de selección de características verdes e rápidos”, que busca métodos de aprendizaxe automática máis eficientes, rápidos e escalables, cuxos resultados terán un gran impacto en multitude de aplicacións nas que a interpretación e a comprensión do modelo son primordiais, desde a medicina ata a nanotecnoloxía. Outra das investigacións nas que traballa Verónica Bolón dentro do CITIC é a “Selección de características para wearables”, é dicir todos aqueles dispositivos intelixentes como reloxos, pulseiras ou mesmo aneis. A investigadora do CTIC está a traballar na obtención dun produto software que poida ser ofrecido a empresas fabricantes destes wearables, un mercado que está a crecer exponencialmente e que require de dispositivos cada vez máis pequenos e que procesen un maior número de datos.

Ademais, Verónica Bolón é a coordinadora do programa Inspira STEAM na provincia da Coruña, cuxa primeira edición concluíu o pasado mes de xuño. Trátase dun proxecto pioneiro para o fomento das vocacións STEAM entre as nenas, baseado en accións de sensibilización e orientación impartidas por profesionais do ámbito da investigación, a ciencia e a tecnoloxía. Con esta iniciativa búscase, así mesmo, axudar a despexar dúbidas sobre as profesións en ciencia e tecnoloxía, clarificar as motivacións do alumnado e afianzar a súa autoestima para o seu desenvolvemento académico e profesional.

Divulgación e premios

Verónica Bolón Canedo, natural de Carballo (A Coruña), conta tamén cun importante número de publicacións científicas, ademais de diversos premios. As súas investigacións son altamente citadas ademais de tecer unha clara aplicación social, tanto a temas médicos (diagnóstico de retinopatía do prematuro, diagnóstico de síndrome do ollo seco, detección de trastornos auditivos, diagnóstico de insuficiencia cardíaca, detección de complexos K en apnea do soño), como a problemas de enxeñería (detección de derrames de petróleo no mar) ou ao campo da educación (corrección automática de exames).

Ademais, a investigadora do CITIC recibiu o premio Frances Allen á mellor tese doutoral realizada por unha muller en Intelixencia Artificial, concedido pola Asociación Española para a Intelixencia Artificial (2015) e o premio Doa Tic Revelación da Generalitat de Cataluña (2020). Tamén en 2020 foi seleccionada como Académica de Número da Academia Nova de España como recoñecemento á súa excelente traxectoria científica e profesional.