CITIC

A investigadora Patricia Faraldo analiza os retos do uso da IA con fins policiais no taller sobre “Ciencia Aberta e Datos Abertos na Investigación Criminolóxica Europea”

26/09/2024 - CITIC

A investigadora do CITIC da UDC Patricia Faraldo participou os días 24 e 25 de setembro no workshop “Open Science and Open Data in European Criminological Research”  no Instituto de Socioloxía e Psicoloxía Social da Universidade de Colonia, Alemaña.

Durante a súa intervención, Faraldo presentou o seu relatorio titulado “Persoal data collected by LEAs and their re-use for scientific research: Horizon Europe and the European legal framework“, na que analizou os retos e obstáculos que enfronta a investigación científica no ámbito da intelixencia artificial (IA) aplicada ás forzas da orde. O seu estudo abordou unha problemática recorrente: a falta de acceso a datos específicos e de alta calidade proporcionados polas forzas e corpos de seguridade, o que limita o desenvolvemento e validación de novas ferramentas e tecnoloxías neste campo.

Faraldo explicou que a reticencia das forzas policiais a compartir bases de datos e información operativa co mundo académico e a industria, debido a preocupacións relacionadas coa protección de datos e a seguridade, xera un círculo vicioso. A falta de acceso a estes datos dificulta a creación de modelos avanzados de aprendizaxe automática (ML) e outras ferramentas intensivas en datos, o que á súa vez impide que os profesionais da seguridade poidan avaliar eficazmente estas solucións en contornas operativas reais.

Na súa análise, Faraldo tamén explorou o marco xurídico europeo aplicable ao uso de datos persoais recompilados polas forzas de seguridade con fins de investigación científica. A través dun exhaustivo panorama do contexto legal europeo ao redor dos datos policiais, destacou como a confusión sobre as obrigacións legais e as restricións excesivas dificultan a posta en común de datos entre as forzas da orde e outros actores relevantes.

Finalmente, a investigadora concluíu que os principais obstáculos para unha maior colaboración no intercambio de datos débense tanto á complexidade xurídica como a unha cultura de segredo dentro dos organismos de seguridade, que limita o acceso á información a nivel interno.