A RAGC recoñece a traxectoria da investigadora do CITIC Nieves Brisaboa coa Medalla de Investigación 2025
A investigadora do CITIC da UDC e catedrática na área de Linguaxes e Sistemas Informáticos, Nieves Rodríguez Brisaboa, recibirá a Medalla Enrique Vidal Abascal, correspondente á sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación que outorga a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC).
Así o fixo público a entidade científica, que acaba de dar a coñecer as cinco persoas galardoadas coas Medallas de Investigación 2025, das que tres pertencen á Universidade da Coruña. A entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro 8 de outubro en Santiago, no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia.
Traxectoria pioneira en Ciencia da Computación
Nieves Rodríguez Brisaboa conta cunha traxectoria investigadora de máis de 30 anos centrada no desenvolvemento de algoritmos e estruturas de datos compactas para o procesamento de grandes volumes de información. En 1996 fundou o Laboratorio de Bases de Datos da UDC, desde o que tamén promoveu unha liña de traballo en Sistemas de Información Xeográfica (SIX).
Froito desta investigación, impulsou proxectos pioneiros como o SIX da Deputación da Coruña, a Biblioteca Virtual Galega, a Viaxe Virtual por Galicia, a Hemeroteca Virtual da RAG, ou a Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais, actualmente empregada por diversas deputacións para xestionar os seus activos en transporte, subministración de auga, electricidade, edificios públicos e urbanismo. Tamén dirixiu o desenvolvemento do sistema de administración electrónica do IGVS.
En 2019 recibiu o Premio Nacional de Informática SCIE-BBVA. Ademais, liderou 44 contratos de transferencia con empresas como Indra, Yahoo ou Grupo Prisa, administracións públicas e entidades sociais e culturais, cun orzamento superior a 3,7 millóns de euros. En 2003 promoveu a creación da spin-off Enxenio, que hoxe conta con máis de 40 traballadores e supera os 2 millóns de euros de facturación anual.
Referente feminino no ámbito STEM
Nieves Brisaboa salienta que este recoñecemento chega cunha especial relevancia: “Cada vez que se lle recoñece a unha muller a excelencia nun eido onde aínda poucas destacaron, contribúese a incrementar as vocacións femininas nese ámbito. Coa gran falta de mulleres nas disciplinas STEM en xeral e en Informática en particular, espero que esta medalla, que por primeira vez se lle concede a unha muller no campo das Matemáticas, Física e Informática, axude a abrir este camiño a máis mulleres no futuro”.
Outros galardoados da UDC
Xunto a Nieves Brisaboa, tamén foron distinguidos outros dous investigadores da Universidade da Coruña:
- Francisco J. Blanco García, catedrático de Reumatoloxía da UDC e xefe da Sección de Reumatoloxía Clínica e Traslacional do CHUAC, quen recibirá a Medalla Ángeles Alvariño González da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde, polo seu labor pioneiro na aplicación da intelixencia artificial ao diagnóstico e tratamento das doenzas reumáticas.
- Mª Carmen Veiga Barbazán, catedrática de Enxeñaría Química, recoñecida coa Medalla Antonio Casares Rodríguez da sección de Química e Xeoloxía, polos seus avances en biotecnoloxía ambiental e recuperación de compostos de alto valor a partir de augas residuais.
Completan o listado de premiados Laura Carballo e Juan Mª Pou, da Universidade de Vigo.