A relación da microbiota co cancro colorrectal e o diagnóstico oftalmolóxico a través da IA, temas centrais dunha nova sesión dos almorzos TIC Talk
01/03/2023 – CITIC
Este martes, 28 de febreiro, celebrouse unha nova sesión dos Almorzos TIC Talk, nesta ocasión mostráronse as liñas de investigación nas que traballan Elsa Martín de Arribas e Mateo Gende Lozano.
En primeiro lugar, Elsa Martín presentou “Desenvolvemento dun pipeline bioinformático para profundar no coñecemento da relación entre a microbiota e o cancro colorrectal”. Nesta investigación utilízanse técnicas de secuenciación masiva de última xeración para analizar mostras de feces, saliva, mucosa intestinal e tecidos tumorales de pacientes con cancro colorrectal antes e despois do tratamento. O obxectivo é tentar identificar poboacións de microorganismos que melloren a resposta aos fármacos antitumorais e atenúen os efectos secundarios.
Pola súa banda, Mateo Gende Lozano coa súa charla “Diagnóstico oftalmolóxico e oculómica a través da IA”, falou da súa investigación centrada no uso da IA con métodos de aprendizaxe multitarea na precisión dos diagnósticos de enfermidades oculares a través da análise de imaxes da membrana epirretiniana.
Os Almorzos TIC Talk reúnen o último martes de cada mes ao persoal investigador do CITIC que se atopa nas primeiras etapas da súa carreira investigadora, coa finalidade de potenciar a transversalidade e promover posibles colaboracións.