A SEGIB selecciona cinco universidades iberoamericanas para desenvolver o laboratorio “Labs UniversitarIA”
- Un asistente para tarefas administrativas no ámbito universitario, proposto polos investigadores do CITIC Adriana Dapena e Carlos Escudero, foi o seleccionado para representar á UDC nesta iniciativa internacional
A Coruña, 20 de novembro de 2025.- A Secretaría Xeral Iberoamericana (SEGIB), co apoio da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), puxo en marcha o proxecto Labs UniversitarIA, unha iniciativa que busca impulsar solucións de intelixencia artificial centradas nas persoas, con enfoque ético, inclusivo e contextualizado, desde as universidades públicas de Iberoamérica.
Na súa primeira edición participan a Universidade de Bos Aires (Arxentina), a Universidade Federal do Rio de Janeiro (Brasil), a Universidade de Chile (Chile), a Universidade da Coruña (España) e a Universidade Tecnolóxica de Uruguai (Uruguai).
A UDC presentou cinco propostas dun total de 21 proxectos enviados polas universidades participantes. Todas as ideas foron moi ben valoradas, e finalmente o proxecto AsistIA, proposto por Adriana Dapena e Carlos Escudero, investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), foi o seleccionado para representar á nosa universidade nesta iniciativa internacional. O proxecto busca crear unha solución baseada en intelixencia artificial xenerativa que permita mellorar procesos académicos e de xestión nas universidades.
Que é AsistIA?
AsistIA é un asistente para tarefas do ámbito universitario que permitirá xerar rúbricas automaticamente a partir de normativas e documentos docentes, e elaborar informes de cumprimento de forma áxil e sistemática. O seu obxectivo é optimizar procesos académicos e administrativos, e tamén poderá aplicarse na docencia para facilitar autoavaliacións do estudantado e fomentar a aprendizaxe autónoma. O proxecto contempla integración en plataformas institucionais e o desenvolvemento dun chatbot propio.
O proxecto Labs UniversitarIA é unha oportunidade única para crear tecnoloxías con impacto social positivo, reforzando a colaboración entre universidades iberoamericanas.