CITIC
RicardoCao

A Sociedad de Estadística e Investigación Operativa premia a traxectoria profesional do noso investigador Ricardo Cao

13/07/2022 – CITIC

Ricardo Cao, investigador e membro do comité de dirección do CITIC, foi distinguido coa Medalla da Sociedad de Estadística e Investigación Operativa (SEIO) pola súa contribución ao desenvolvemento e proxección da disciplina no ámbito nacional e internacional.

O xurado destacou non só un labor encomiable en canto a múltiples áreas da estatística (métodos non paramétricos, métodos de remostreo, verosimilitude empírica, análise de supervivencia…), senón tamén a súa aplicación a diversas disciplinas: xenómica, neurociencias, epidemioloxía, oncoloxía, etc. Ademais, a súa ampla e destacada experiencia, sendo membro activo de varias sociedades nacionais e internacionais, tamén foi recoñecida facendo fincapé na transferencia do coñecemento a outros ámbitos como pedra angular do seu traballo.

A SEIO fará a entrega das Medallas e, xunto cos Premios SEIO-Fundación BBVA, entregaranse nunha cerimonia que terá lugar na sede da Fundación BBVA no Palacio do Marqués de Salamanca (Madrid).

Ricardo Cao Abad é Profesor de Estatística e Investigación de Operacións na Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC) dende 1991. É coordinador do Grupo de Investigación Modelización, Optimización e Inferencia Estatística e investigador e membro do comité de dirección do Centro de Investigación en TIC (CITIC). Dende marzo de 2020 é o presidente do comité de expertos da Acción Matemática contra o Coronavirus creado polo Comité Español de Matemáticas (CEMAT).