CITIC
convenio_UDC_Aspronaga_1

A UDC e ASPRONAGA asinan un acordo de colaboración para establecer liñas de investigación en discapacidade a través do CITIC

20/06/2022 – CITIC

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente da Asociación Pro Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia, Aspronaga, Nicanor Álvarez, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para intensificar a investigación no ámbito da discapacidade a través do CITIC.

O subdirector do CITIC, Javier Pereira, explicou que este acordo intensificará a investigación en tecnoloxías da comunicación para as persoas con discapacidade e declarou que “a Cidade das TIC será unha boa oportunidade para ter un espazo específico cun laboratorio destinado a isto”.

O reitor adiantou que no edificio que se está rehabilitando, o Centro de Servizos Avanzados, disporá dun taller de dispositivos intelixentes no que se poderá traballar este proxecto mentres non haxa o edificio do CITIC na Cidade das TIC. Abalde asegurou que na Universidade “hai talento e ganas de facer cousas e todo o que poidamos facer para que as persoas con discapacidade logren unha comunicación máis cómoda, farémolo”. O reitor engadiu a sensibilidade especial da UDC e o compromiso co acceso á universidade destas persoas como demostran proxectos como Talentos Inclusivos ou Espazo Compartido.

Para o presidente de Aspronaga, este convenio “abre portas” e amosouse disposto a colaborar e a aportar a experiencia dos sesenta anos de existencia desta asociación.