CITIC

A Universidade da Coruña abre a preinscrición para os seus dous novos títulos propios en Intelixencia Artificial e Algoritmos Verdes

20/05/2025 - CITIC
  • O CITIC da UDC acollerá o Curso de Experto en Intelixencia Artificial e Algoritmos Verdes e a Microcredencial Algoritmos Verdes para a Intelixencia Artificial: Deseño e Implementación
  • O curso impartirase de setembro a decembro de 2025 e a microcredencial de setembro a outubro do mesmo ano

A Coruña, 20 de maio de 2025.- A Universidade da Coruña ten aberto, ata o vindeiro 15 de xuño, o prazo de preinscrición para a primeira edición de dous novos títulos propios: o Curso de Experto en Intelixencia Artificial e Algoritmos Verdes, que se desenvolverá entre setembro e decembro de 2025, e a Microcredencial Algoritmos Verdes para a Intelixencia Artificial: Deseño e Implementación, que terá lugar entre setembro e outubro do mesmo ano.

Tanto o curso de experto como esta primeira microcredencial impártense por primeira vez na Universidade da Coruña. A formación desenvolverase nas instalacións do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da UDC, no Campus de Elviña.

Curso de Experto

Con 25 créditos ECTS e un total de 625 horas de formación, o Curso de Experto en Intelixencia Artificial e Algoritmos Verdes está especialmente dirixido a profesionais en activo e persoas interesadas en adquirir coñecementos prácticos sobre o desenvolvemento e a aplicación de técnicas de intelixencia artificial dende unha perspectiva sostible. O programa será impartido por un equipo docente interdisciplinar formado por persoal investigador da UDC e especialistas de empresas tecnolóxicas líderes, así como de outras universidades.

A formación terá un marcado enfoque práctico, estruturado en módulos que abranguen desde os fundamentos da IA ata a súa aplicación sostible en contornos reais. O alumnado poderá traballar en proxectos colaborativos e resolver retos vinculados á sustentabilidade e á transformación dixital. As clases desenvolveranse os martes, xoves e venres, en horario de 16:00 a 20:00 horas.

Para acceder a este curso, requírese contar con formación universitaria en áreas relacionadas coas TIC ou enxeñerías, así como coñecementos de programación.

Microcredencial

A Microcredencial Algoritmos Verdes para a Intelixencia Artificial: Deseño e Implementación, de 6 créditos ECTS, ofrece unha formación intensiva durante cinco semanas, cun horario de luns e mércores de 16:00 a 20:00 horas. A formación está deseñada para persoas con coñecementos previos de programación que conten, como mínimo, con estudos de bacharelato, BUP, FPII ou un Ciclo Formativo de Grao Superior.

A microcredencial céntrase na formación práctica e especializada no uso de tecnoloxías punteiras, como CPUs e TPUs, que aceleran o desenvolvemento de modelos de aprendizaxe automática. Ao longo do curso, aprenderanse tamén técnicas para optimizar arquitecturas e algoritmos, favorecendo unha implementación eficiente e sostible en contornas reais.

A formación está deseñada para dar resposta ás necesidades de diferentes perfís. Desde o ámbito académico, amplía a oferta formativa e impulsa enfoques tecnolóxicos máis respectuosos co medio. No contexto científico, capacita ó persoal investigador para innovar no deseño de modelos de IA eficientes, combinando teoría e práctica. E, desde unha óptica profesional, aborda a crecente demanda de expertos en intelixencia artificial cunha sólida preparación técnica e unha visión clara dos retos da sustentabilidade.

Esta microcredencial forma parte do programa “Algoritmos Verdes para a Intelixencia Artificial”, unha iniciativa pioneira composta por catro microcredenciais complementarias. Esta é a primeira que se desenvolverá ao longo do curso académico 2025/2026. A realización das catro microcredenciais dará dereito á obtención dun título de Nanomáster, recoñecido pola súa especialización en IA sostible e tecnoloxías verdes.

Con esta nova programación formativa a UDC reflicte o seu compromiso coa formación avanzada, a innovación tecnolóxica e a sustentabilidade ambiental.

Máis información na web da Cátedra UDC-Inditex de IA en Algoritmos Verdes,   así como no correo electrónico: cursos.fundacion@udc.es.