A Universidade da Coruña acolle unha das reunións do proxecto europeo sobre descarbonización no que participa o CITIC da UDC
- Os investigadores do grupo de Ciencia e Técnica Cibernética (CTC) José Luis Calvo Rolle e Héctor Quintián Pardo lideran, en representación da Universidade da Coruña e desde o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), o Proxecto Interreg sobre as Comunidades Enerxéticas Sostibles do Atlántico (SAtComm).
- O equipo de traballo, integrado por 10 entidades públicas e privadas de Irlanda, Portugal, Francia e de España, busca un modelo que sirva como instrumento de transición cara unha enerxía limpa e a descarbonización do territorio.
Ferrol, 26 de novembro de 2024.- O Campus Industrial de Ferrol da Universidade da Coruña acolle, este martes 26 e mércores 27 de novembro, unha das reunións de traballo presencial do Proxecto Europeo sobre as Comunidades Enerxéticas Sostibles do Atlántico (SAtComm) no que participa a Universidade da Coruña, a través do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), baixo o liderado dos investigadores do grupo de Ciencia e Técnica Cibernética (CTC), José Luis Calvo Rolle e Héctor Quintián Pardo.
Nesta segunda reunión de traballo presencial, a primeira tivo lugar no mes de xuño en Lisboa, continuarán traballando na definición dun modelo eficiente e sostible para a implantación destas Comunidades Enerxéticas Sostibles (Ces) no continente europeo. Buscan pois, un modelo que sirva como instrumento de transición cara unha enerxía limpa e a descarbonización do territorio.
A proposta do CITIC da Universidade da Coruña ten por obxectivo modelar todos os elementos das Comunidades Enerxéticas Sostibles botando man de datos históricos, dos perfís das persoas usuarias ou mesmo dos tipos de carga que deben abastecer. Deste xeito, o que se pretende é identificar e analizar os posibles erros ou anomalías existentes, anticipando problemas e mellorando a toma de decisións, asegurando así un funcionamento óptimo durante toda a súa operación.
Este Proxecto de Cooperación Territorial Europea, máis coñecido como Interreg, sobre as Comunidades Enerxéticas Sostibles do Atlántico (SAtComm) conta cun orzamento de 3,2 millóns de euros. A Universidade da Coruña dispón de máis de 400.000 euros para levar a cabo a súa parte. O equipo de traballo está integrado por 10 entidades públicas e privadas de Irlanda, Portugal, Francia e de España.