A Universidade da Coruña acollerá os vindeiros 6 e 7 de novembro as III Xornadas de Nesgos de Xénero e Oportunidades para a Igualdade na era da Intelixencia Artificiall
- As persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través deste formulario en liña.
A Facultade de Dereito da Universidade da Coruña será a sede das III Xornadas de Nesgos de Xénero e Oportunidades para a Igualdade, unha iniciativa que busca abordar o impacto da intelixencia artificial nos nesgos de xénero e explorar oportunidades para promover a igualdade no ámbito tecnolóxico. Este evento, que terá lugar os días 6 e 7 de novembro, contará coa participación de especialistas nacionais e internacionais que compartirán a súa visión sobre a importancia da diversidade en equipos de IA e o papel das políticas reguladoras neste ámbito.
As xornadas comezarán o mércores, 6 de novembro, co acto inaugural ás 09:30h, seguido ás 10:00h pola conferencia Que nesgos importan? Envenenando conxunto de datos para clasificación de imaxes, impartida por Iris Domínguez, investigadora da Universidade Pública de Navarra. A continuación, Naira Bellio, membro de AlgorithmWatch, ofrecerá a charla Algoritmos ingobernables ou como investigar caixas negras. Ás 12:30h terá lugar a mesa redonda Diversidade e tecnoloxía. Por que a IA necesita equipos inclusivos?, con Belén Valle Cao (NTTData) e Natalia Monje (Ecos do Sur). Pola tarde, desenvolverase un obradoiro colaborativo de Galipedia.
O xoves, 7 de novembro, as actividades comezarán ás 10:00h coa conferencia Píxeles, datos e neuronas, a cargo de Alba Meijide, experta en Intelixencia Artificial, seguida da ponencia Regulación da IA: desde a AI Act a outras regulacións internacionais, impartida por Belén Arribas, representante de ENATIC, IFCLA e o European Data Protection Board. Para pechar a xornada, ás 12:30h, celebrarase o conversatorio O papel da Administración na era da IA, con Javier Torres Gella (Secretaría Xeral da AESIA) e Bertha Guijarro.
Estas xornadas permitirán reflexionar sobre os nesgos presentes nos sistemas de IA e promover o diálogo sobre a necesidade de equipos de desenvolvemento inclusivos que representen a diversidade da sociedade. Ademais, trataranse as políticas de regulación actuais e o papel das administracións públicas na supervisión e control de aplicacións de IA.