CITIC

A Xunta convoca unha liña de axudas para proxectos de investigación sobre o COVID-19

27/08/2020 – CITIC

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), convocou unha nova liña de axudas destinada a apoiar proxectos de investigación relacionados co COVID-19. Así, o obxectivo é mellorar o tratamento da enfermidade, a súa diagnose e manexo clínico, así como contribuír ao deseño, desenvolvemento e implantación de medidas de saúde pública para responder eficazmente á pandemia

Esta convocatoria, dotada con 3 millóns de euros, está destinada a recuperar e apoiar aqueles proxectos de investigación galegos que se presentaron á convocatoria de expresións de interese do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) para o financiamento de proxectos de investigación sobre o SARS-CoV-2 e a enfermidade COVID-19. A través desta convocatoria do ISCIII, que recibiu máis de 1400 expresións de interese, sete proxectos galegos recibiron fondos e preto doutra vintena foron avaliados favorablemente, sen obter financiamento. Agora, o programa busca apoiar estes proxectos de alto nivel e calidade científica.

Os beneficiarios destas axudas serán organismos de investigación do Sistema Galego de I+D+i, públicos ou privados. Na selección das iniciativas terase en conta a súa excelencia científico-técnica, a súa implementación e o seu impacto.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 24 de setembro.

Máis información