CITIC
Visita de la SXU y GAIN al CITIC de la UDC

A Xunta respalda o desenvolvemento da actividade investigadora do CITIC da UDC

05/12/2024 - CITIC

A Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia visitou hoxe o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) para coñecer de primeira man os proxectos de vangarda que se están desenvolvendo neste centro.

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo Queijo; Irene Bonome Gradaílle, subdirectora Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria; e Mercedes Vázquez Santamarina, responsable do Servizo de Planificación e Estructura da Investigación; coñeceron de primeira man os proxectos de vangarda que se están desenvolvendo neste centro.

A xornada comezou cunha reunión na que os representantes da Xunta mantiveron un encontro co vicerreitor de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas Agudo, e o equipo directivo do centro para analizar a estrutura e as principais liñas de actuación do CITIC. Durante esta presentación abordáronse temas clave como a situación e obxectivos do centro en termos de colaboración coa industria e internacionalización das súas investigacións, e profundouse nalgúns dos proxectos máis relevantes que, actualmente, están a desenvolver os investigadores do CITIC. Tras isto, investigadores e investigadoras pertencentes ao Comité de Dirección explicaron as súas liñas de traballo e proxectos.

Este encontro prodúcese no contexto da renovación da acreditación de excelencia outorgada pola Xunta á Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia (CIGUS), da cal o CITIC forma parte como un dos 10 centros excelentes que integran a rede, xunto a outros tres de categoría colaborativa.

Os representantes do CITIC destacaron o impacto positivo do apoio recibido pola Xunta, que ascende a máis de 2 millóns de euros, dentro da convocatoria de centros de excelencia, e que suma un total de 6,4 millóns de euros nos últimos anos. Estes recursos permitiron consolidar ó CITIC como un referente en Galicia no ámbito das tecnoloxías intelixentes e a transferencia de coñecemento á industria.

Na súa visita ao centro os representantes da Xunta puideron observar de preto os traballos desenvolvidos por máis de 230 investigadores no CITIC.