Aberta a convocatoria do European Green Deal
24/09/2020 – CITIC
A Comisión Europea lanzou a convocatoria do European Green Deal – Pacto Verde Europeo, financiada no marco do Horizonte 2020, que busca fomentar o desenvolvemento de proxectos de investigación e innovación que poñan freo á crise climática e axuden a protexer a biodiversidade e os ecosistemas europeos. Cun orzamento de 1.000 millóns de euros, trátase da última e maior convocatoria no marco de Horizonte 2020.
Esta convocatoria pretende xerar oportunidades de innovación, acelerando a transición cara á sustentabilidade e unha Europa climaticamente neutra para 2050, buscando, ademais, estimular a recuperación trala crise do coronavirus.
Os proxectos financiados deberán producir resultados beneficiosos en dez áreas, oito das cales reflicten as liñas principais do Pacto Verde Europeo, como son:
- Aumento da ambición climática
- Enerxía limpa, asequible e segura
- Industria para unha economía limpa e circular
- Edificios eficientes en enerxía e recursos
- Mobilidade sustentable e intelixente
- Da granxa á mesa
- Biodiversidade e ecosistemas
- Ambientes libres de tóxicos e sen contaminación
Mentres que dúas das áreas son horizontais: fortalecer o coñecemento e empoderar aos cidadáns, que ofrecen unha perspectiva a máis longo prazo para lograr as transformacións establecidas no Pacto Verde Europeo.
A convocatoria estará aberta ata o 26 de xaneiro de 2021.