CITIC

Aberto o prazo de presentación de candidaturas aos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia 2019

04/04/2019

Xa está aberto o prazo de presentación de candidaturas aos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia 2019, convocados pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) xunto á Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia e que este ano celebra a súa quinta edición. O obxectivo deste certame é recoñecer casos de éxito en transferencia de coñecemento en Galicia e difundilos entre a cidadanía e, en particular, entre a comunidade investigadora e empresarial.

O prazo para a presentación de candidaturas estará aberto ata o 31 de maio e convócanse tres premios distintos:

  • Premio “Francisco Guitián Ojea”, dirixido a grupos de investigación que, a través da súa labor en I+D aplicada, desenvolveran unha tecnoloxía susceptible de ser aplicada ao sector empresarial pero que aínda non fose transferida. A dotación do premio ascende a 6.000 euros e pode presentarse calquera grupo, coa única condición de que estea adscrito a un centro tecnolóxico ou de investigación situado en Galicia.
  • Premio “Fernando Calvet Prats”, co que se recoñece o traballo dun grupo de investigación no que a tecnoloxía creada fose xa transferida con éxito ao sector empresarial. Os destinatarios son grupos radicados en Galicia e a dotación é tamén de 6.000 euros.
  • Premio “Ricardo Bescansa Martínez”, que busca o caso de éxito máis representativo de innovación empresarial acadada a partir da transferencia de tecnoloxía. Poden concorrer empresas de calquera tamaño –galegas ou cun centro de traballo situado en Galicia– que acrediten innovacións procedentes da adquisición dunha patente, dun proxecto conxunto cun ou varios grupos de investigación ou outro mecanismo calquera de transferencia. A dotación do galardón ascende tamén a 6.000 euros. 

Máis información