A investigadora do CITIC Adriana Dapena, participou na mesa redonda “Intelixencias de libro. Literatura e IA, dilemas, problemas e propostas”, acompañada polo divulgador Javier Pedreira (Wicho) e o escritor Fran Fernández Dávila.
Durante a sesión, que foi organizada e presentada por Estíbaliz Espinosa no marco da Feira do Libro da Coruña, abordáronse diferentes temas relacionados coa creatividade e o impacto da Intelixencia artificial (IA) no ámbito literario. Así, os participantes examinaron o papel da experiencia e a consciencia humana na produción de obras orixinais, discutindo como a IA podería redefinir a orixinalidade na literatura e a arte.
Ademais, explorouse o seu potencial para superar rumbos cognitivos na creación literaria e expuxéronse cuestións éticas sobre o seu uso. Deste xeito, a discusión centrouse en se a IA pode liderar unha revolución na literatura e valorouse a súa capacidade para emular características humanas como o sarcasmo, a depresión e a creatividade profunda.
No marco da xornada, os asistentes puideron gozar dunha actividade interactiva na que se comparaban e distinguían versos do poeta Álvaro Cunqueiro e versos xerados automaticamente por IA.