Alejandro Pazos participa no debate “Big Data e Intelixencia Artificial: Son os meus datos o novo petróleo?”
21/04/2021 – CITIC
O investigador do CITIC Alejandro Pazos participará o próximo 28 de abril no debate “Big Data e Intelixencia Artificial: Son os meus datos o novo petróleo?”, organizado polo Centro de Visión por Computador (CVC) e a Fundación “la Caixa”. O obxectivo é dar a coñecer as amplas oportunidades e os retos que supón incorporar a Intelixencia Artificial á análise de datos de alta calidade.
Este debate forma parte do ciclo “Intelixencia Artificial, ética e participación cidadá”, un proxecto de ciencia cidadá que busca facer unha reflexión sobre o impacto que ten a Intelixencia Artificial nas nosas vidas.
O investigador do CITIC e catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da UDC, Alejandro Pazos, compartirá mesa coa investigadora do CVC e catedrática da Universidade de Barcelona, Petia Radeva, que ademais é membro do comité asesor externo do CITIC; a directora xeral de Administración Dixital da Generalitat de Catalunya, Ester Manzano; e o Principal Consulting de IQVIA, Ignacio Chueca.
Este foro terá lugar o mércores 28 de abril a partir das 18:00 h e emitirase a través das redes sociais do CVC.