
Alicia Goldstein, directora do programa MISTI do MIT, visita o CITIC para reforzar a colaboración coa UDC
- Catro estudantes do prestixioso Massachusetts Institute of Technology (MIT) realizaron unha estancia no centro TIC da UDC, nunha iniciativa que forma parte da estratexia de internacionalización e excelencia académica do centro.
- Os mozos integráronse en equipos estratéxicos do CITIC, colaborando en proxectos de vangarda que abarcan desde algoritmos para análise médica do sono ata solucións de IA aplicadas a ciberseguridade.
A Coruña, 30 de xullo de 2025. – O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, que forma parte da Rede CIGUS da Xunta de Galicia, recibiu este mércores a visita de Alicia Goldstein, directora asociada do programa MIT International Science and Technology Initiatives (MISTI) e fundadora dos programas MIT-Spain e MIT-Portugal.
A visita ten como obxectivo fortalecer a colaboración entre o CITIC e o Massachusetts Institute of Technology (MIT), unha alianza estratéxica que xa permitiu a chegada de catro estudantes do MIT ao centro galego. Goldstein mantivo reunións con persoal de investigación e responsables institucionais, e coñeceu de primeira man os proxectos nos que participan os mozos do MIT que están realizado estancias no CITIC.
O programa da xornada comezou coa benvida institucional a cargo de Ricardo Cao, reitor da UDC; Jerónimo Puertas, vicerreitor de Investigación e Transferencia, e o director do centro, Manuel González Penedo. Ao longo da mañá, a representante do MIT visitou as instalacións, reuniuse cos titores dos estudantes —José Manuel Vázquez Naya, Rubén Pérez Jove e Eduardo Mosqueira Rey—, e con investigadores de referencia do CITIC como Salvador Naya, Fidel Cacheda e Francisco Bellas; Félix Nieto, do Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC), e Ramón Pedro Artiaga, investigador do CITENI (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais).
Galicia como polo de atracción para talento internacional
A visita enmárcase nunha colaboración máis ampla entre ambas institucións, que este ano permitiu que catro estudantes do MIT realicen estancias de investigación no CITIC grazas ao programa MISTI-Spain. Os estudantes integráronse en grupos estratéxicos do centro e traballan en proxectos punteiros de intelixencia artificial, ciberseguridade e saúde dixital.
Un dos proxectos é NEXT-GEN-SOMNUS, centrado na análise do sono mediante algoritmos de aprendizaxe automática, no que o estudante Juan Carlos Santiago traballou cos investigadores Eduardo Mosqueira Rey e Diego Álvarez Estévez.
Os outros tres estudantes son Ishanvi Kommula, Jaime Sebastián Punyed e Jace López. Colaboraron no desenvolvemento de solucións de ciberseguridade baseadas en modelos de linguaxe similares a ChatGPT, unha das liñas do grupo de investigación RNASA-IMEDIR.
Con esta iniciativa, o CITIC consolida a súa posición como referente internacional en investigación tecnolóxica e como nodo de atracción para talento novo altamente cualificado. Ademais, alíñase coa estratexia de internacionalización e excelencia que impulsa a Universidade da Coruña.
Investigación TIC de excelencia
O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia artificial ; Ciencia e Enxeñería de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.
O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CIGUS para o período 2024-2027, o que avala a calidade e impacto da súa investigación. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación económica innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).