Almorzos TIC Talk do CITIC da UDC: Conexión entre música, informática e modelos económicos
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Universidade da Coruña retoma o seu ciclo de Almorzos TIC Talk con dúas interesantes charlas celebradas este martes, 24 de setembro. Nesta ocasión, os asistentes puideron explorar innovadoras conexións entre disciplinas aparentemente distantes, como a música e a informática, así como unha introdución aos modelos estocásticos na economía.
Por unha banda, a investigadora do CITIC, Hilda Romero Velo, na súa charla titulada “Navegando entre partituras”, levou ao público a unha viaxe a través das profundidades do mundo musical e a súa relación coa informática. Romero expuxo cuestións intrigantes como: como recoñecemos unha canción?, que proporcións matemáticas subxacen nas partituras? e que teñen en común os algoritmos musicais e o ADN? Ademais, exploraronse innovadoras aplicacións onde a música converxe con outras disciplinas como a medicina ou a educación. Sabías que hoxe en día un músico non pode buscar unha partitura tocando directamente o seu instrumento? Esta e outras preguntas atoparon resposta na súa presentación, revelando como a tecnoloxía está a transformar a maneira en que interactuamos coa arte musical.
O investigador Jonatan Ráfales Pérez, pola súa banda, presentou “Stochastic models in economic equilibrium problems”, un resumo da súa tese doutoral que aborda modelos de axentes heteroxéneos en tempo continuo en problemas de equilibrio económico. Ráfales centrouse en como a produtividade, como factor estocástico, afecta as decisións empresariais, determinando o momento óptimo para que as empresas cambien de sector ou cesen a súa actividade. A través de exemplos prácticos, axudou a desmitificar a complexidade destes modelos e o seu impacto na economía actual.
Os Almorzos TIC Talk ofrecen unha oportunidade única para descubrir os avances máis recentes en diversos campos do coñecemento, destacando a importancia da interdisciplinariedad e o potencial transformador das tecnoloxías da información.