01/12/2022 – CITIC
Este mércores, 30 de novembro, o CITIC recibiu a visita de estudantes de bacharelato do IES Eusebio da Guarda que iniciarán este curso a súa participación no programa STEMbach da Xunta de Galicia desenvolvendo un proxecto de investigación en procesamento da linguaxe natural (PLN).
A visita comezou cunha presentación do CITIC na que se detallaron diferentes ámbitos de aplicación das investigacións realizadas no centro.
Posteriormente, o responsable da unidade de Sistemas do CITIC, Alejandro Mosteiro, mostrou algúns dos proxectos expostos no Demostrador Tecnolóxico, centrándose especialmente na robótica e a realidade virtual; ademais, o estudantado tivo a oportunidade de probar varias contornas de realidade virtual realizados no centro aplicados ao ámbito de discapacidade.
A continuación, as/os participantes acudiron ao CPD (Centro de Procesado de Datos) e o percorrido finalizou nos novos laboratorios de Realidade Virtual e Localización e Impresión 3D.