Amparo Alonso analiza o impacto da IA no desenvolvemento empresarial galego na presentación da escola para profesionais tecnolóxicos The Key
A investigadora do CITIC, Amparo Alonso, participou este 3 de xullo na presentación oficial de The Key, a nova escola para profesionais do sector tecnolóxico impulsada polo Grupo Nortempo, nun evento celebrado na Cidade das TIC. A iniciativa, que contou co apoio da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e do Concello da Coruña, reuniu destacadas personalidades do ámbito tecnolóxico e empresarial.
O evento incluíu unha mesa redonda sobre o impacto da intelixencia artificial no desenvolvemento empresarial e profesional en Galicia, moderada por Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC de Galicia. Entre os participantes, destacou a presenza de Amparo Alonso, investigadora en IA do CITIC da UDC, quen subliñou a importancia dunha formación flexible e actualizada para os profesionais do sector tecnolóxico.
“A velocidade da innovación en IA require unha adaptación constante por parte dos profesionais, xa que é un eido que se move a grande velocidade, polo que supón todo un reto formar aos profesionais do futuro”, afirmou Alonso durante a súa intervención.
A escola ofrecerá programas especializados como Enxeñeiro/a de Intelixencia Artificial Xenerativa, Analista de Ciberseguridade e Arquitecto/a Cloud AWS, co obxectivo de satisfacer a demanda crecente de talento cualificado no sector.
Javier Martínez, director académico de IA en The Key, enfatizou o compromiso da escola coa excelencia académica e a innovación, asegurando que os programas formativos serán impartidos con metodoloxía práctica e adaptativa, en colaboración directa con empresas líderes do sector.